Unha intelixencia artificial dará conta da calidade do aire dos concellos galegos
venres, 30 de setembro do 2022
A ferramenta ICA2TEXT, emprega técnicas baseadas en
Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe Natural, para xerar
automaticamente descricións textuais en galego e castelán sobre os datos da
calidade do aire nos 33 concellos de GAlicia, xa está operativa grazas á nova
colaboración entre MeteoGalicai e o CiTIUS.
A ferramenta, despregada recentemente como servizo público na
páxina web do servizo meteorolóxico autonómico, foi desenvolvida de xeito
conxunto entre o Departamento de Calidade do Aire de Meteogalicia, e o CiTIUS,
e acompaña os gráficos e datos numérico-simbólicos amosados na web con
descricións textuais xeradas automaticamente, que axudan á cidadanía a ter unha
mellor comprensión da información proporcionada.
O obxectivo desta aplicación é describir estes datos de xeito comprensible, tal
e como o faría unha persoa experta. O proxecto é un paso cara adiante na liña
de colaboración que as dúas institucións veñen mantendo ao longo dos últimos
anos, froito da cal teñen cristalizado iniciativas semellantes como
GaliWeather, unha ferramenta pioneira no mundo que, dende o ano 2015, traduce
cada día a linguaxe natural os datos de predición meteorolóxica dos máis de 300
concellos galegos.
Intelixencia artificial ao servizo da meteoroloxía
O Índice da Calidade do Aire (ICA) é un parámetro que se
calcula automaticamente cos datos emitidos en tempo real polas estacións de
medición da calidade do aire repartidas por toda Galicia; ata o de agora, o
resultado desta colecta de información amosábase aos usuarios na páxina web de
MeteoGalicia a través dun sinxelo mecanismo de visualización, baseado nun
código de cores.
Neste contexto, ICA2TEXT presenta unha proposta moi novidosa
baseada principalmente en dúas técnicas amplamente estendidas na actualidade
entre a comunidade científica experta en Intelixencia Artificial: a Xeración de
Linguaxe Natural (NLG, polas súas siglas en inglés) e a Lóxica Borrosa. «Esta
nova aplicación componse principalmente de dúas tarefas principais: por unha
banda, procesa os datos para xerar a partir deles descricións lingüísticas coherentes»,
explica o investigador responsable do proxecto no CiTIUS, Alberto Bugarín; «por
outra, é quen de converter as descricións xeradas en textos comprensibles para
as persoas». Un sistema innovador, enmarcado na área do Data-ToText (D2T, Datos
a texto) que emprega técnicas baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e
tecnoloxías da linguaxe natural para xerar automaticamente descricións
textuais.
O traballo comezou en 2020 no marco dun Traballo de Fin de
Grao (TFG) do Grao en Enxeñaría Informática da USC e vén de ser presentado no
XXXVIII Congreso da Sociedade Española para el Procesamento de Linguaxe Natural
(SEPLN). Así mesmo, foi publicado tamén en Applied Soft Computing, unha das
revistas científicas de mais alto impacto en Intelixencia Artificial.
«Ata onde sabemos, ningunha axencia meteorolóxica no
mundo conta na actualidade cunha aplicación similar a ICA2TEXT para a xeración
automática de descricións en linguaxe natural sobre o Índice da Calidade do
aire», destaca Bugarín. «Todo elo da unha idea da proxección e a importancia
deste resultado, que nos incentiva a seguir mellorando a nosa colaboración
con Meteogalicia na aplicación das
tecnoloxías intelixentes e da linguaxe natural ao eido da meteoroloxía»,
conclúe.