Unha intrusión expón os datos dos millóns de usuarios de Jobandtalent

xoves, 12 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O pasado 5 de xullo a páxina web de emprego española Jobandtalent tería padecido unha intrusión informática que exporía os datos dos seus máis de 10 millóns de usuarios e, aínda que a información á que tiveron acceso non se considera sensible, procederon a obrigar aos seus usuarios a mudar de contrasinal.
A compañía asegura ter solucionado o problema inmediatamente tras detectar a intrusión nos seus sistemas, e tamén contactaron coa Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) para facilitar a investigación do acontecido. Aseguran que non é posible que padezan outra intrusión polo método empregado.
Haberá que agardar para coñecer máis detalles sobre o incidente e o seu impacto, pero o que parece seguro é que non favorecerá á imaxe de Jobandtalent, compañía que botou a andar como un sistema para revolucionar a busca de emprego e que foi mudando até converterse practicamente nunha especie de Empresa de Traballo Temporal (ETT) en liña (aínda que tamén ofrecen outros servizos menos rendibles).

PUBLICIDADE