Unha investigadora da USC crea unha web para dar a coñecer as ligazóns entre a Lírica Galego-Portuguesa

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

As redes socioculturais da lírica galego-portuguesa son o eixo sobre o que xira o novo portal web Redes Socioculturais da Lírica Galego-Portuguesa, que vén de ser creado pola doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago (grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media). Indo o sitio web en cuestión, nel achégase información literaria, histórica e biográfica sobre os trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles. O obxectivo desta páxina é amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, de cara a coñecer os autores e o contexto das súas cantigas, sendo esta web unha ferramenta moi útil para o campo investigador.
Este portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta de Galicia e adicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores. “A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as tenzóns que se conservan, atopamos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica (...) permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiábel, máis alá de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns”-explica Déborah González-. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.
En canto a novidade nesta iniciativa é que as redes están representadas graficamente. Os usuarios poden navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información de tipo histórica, biográfica e literaria.
Dicir que a maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores
casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio.
Alén disto, a creadora desta web está a desenvolver un proxecto que segue a mesma liña pero centrándose nas cantigas de escarnio, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades con fondos UE-NextGeneration. A súa finalidade é estudar estas relacións a través destas cantigas de escarnio, que permiten estimar outro tipo de diálogo e de conexións; igualmente son de interese os ciclos literarios satíricos, constituídos por textos de varios autores nos que estes satirizan un individuo (como acontece coa célebre María Pérez Balteira) ou denuncian un acontecemento histórico determinado, polo que tamén acadan relevancia desde unha perspectiva socioliteraria.
En definitiva, a través de diferentes categorías de relación analizadas e incorporadas ao portal progresivamente, a investigadora da Universidade de Santiago busca “avanzar nunha representación cada vez máis completa, exacta e nítida das redes socioculturais e literarias da nosa lírica medieval”.
A experta di que hai que tirar proveito do pulo que teñen na actualidade as novas tecnoloxías, un bo aliado para dar a coñecer a nosa historia literaria pois “máis alá do xograr Martín Códax, probabelmente o autor máis coñecido entre o gran público, sábese da existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, algúns deles moi relevantes pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor. Temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos.
Ademais, penso que a dificultade que poida ter a literatura medieval, por efecto da lingua e do emprego duns códigos culturais diferentes dos actuais, non significa que a sociedade galega actual non amose sensibilidade e aprecio por aspectos da súa historia literaria e cultural. Sen dúbida, o que se fai necesario é empregar formas e medios de comunicación máis accesíbeis a todos os públicos”.

PUBLICIDADE