Unha investigadora predoutoral da MBG, finalista no certame nacional Eu investigo. Eu son CSIC

mércores, 28 de febreiro do 2024 S. P.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) promove o concurso de vídeos de divulgación científica Eu Investigo. Eu son CSIC, iniciativa que na súa quinta edición ten entre os seus finalistas a Lucía Martín Cacheda, investigadora predoutoral na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) co audiovisual A lingua das patacas, dispoñíbel en Youtube.
O certame, iniciativa do Departamento de Posgrao e Especialización do CSIC, ten aberto ata mañá, 29 de febreiro, o prazo de votación popular dos 29 vídeos que chegaron á final, entre os que se atopa o de Lucía Martín Cacheda, a única representante do CSIC en Galicia.
Graduada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Lucía Martín Cacheda desenvolve o seu labor desde 2020 na MBG cun contrato predoctoral para a formación de doutores (FPI) no grupo de Ecoloxía evolutiva das interaccións planta-herbívoro. A súa tese, dirixida por Xoaquín Moreira e Luis Abdala-Roberts, versa sobre a especificidade na comunicación química entre plantas en resposta á herbivoría e á infección por patóxenos.
Ata a data, centrou as súas investigacións no estudo da comunicación química entre as plantas a través de compostos orgánicos volátiles, sobre todo, entre as plantas de patacas.
A través de traballo experimental, está a tentar determinar se as plantas danadas por insectos e fungos patóxenos teñen capacidade para alertar ás plantas “veciñas” e se ese aviso ten algún tipo de efecto na resistencia destas ao dano inminente.
“Polo momento, comprobei que as plantas alertadas a través de compostos orgánicos volátiles (COVs) presentan unha maior resistencia (unha menor porcentaxe de dano) ante a praga de verme soldado (Spodoptera exigua). Este feito resulta interesante á hora de propor a aplicación artificial de COVs coma unha ferramenta de uso agrícola para loitar contra pragas de maneira máis sostíbel, reducindo ou uso de pesticidas químicos. A idea sería a de aplicar estes COVs coma unha especie de vacina, expoñendo plantas de cultivo a estes compostos preparando así o seu sistema inmune, ou que permitiría ás plantas expostas reaccionar máis axiña e con máis forza ante un ataque. Comprobar ou efecto da aplicación de COVs é o seguinte paso nesta investigación”, explica Lucía Martín Cacheda, quen no vídeo realiza unha síntese destes resultados a través dunha mini-obra de teatro.

PUBLICIDADE