Unha máquina recreativa de madeira destaca nos premios Galiciencia 2024
venres, 10 de maio do 2024
Galiciencia, a meirande feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), clausurou esta mañá a súa 19ª edición, baixo o lema Mellor, de Madeira. A súa finalidade é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Ao acto de clausura, no que se fixo entrega dos premios, asistiron a xefa territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense, Alicia López; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez; e o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo. No transcurso do evento anunciouse a temática de Galiciencia 2025: Neurociencia e Saúde Mental.
Entre os galardóns entregados temos que salientar o premio do público, que foi para Ana Pita e Carlos Morán do IES de Ortigueira (A Coruña), que deseñaron e construíron con madeira unha máquina de videoxogos tipo Arcade, pioneira nos anos 80, e coa que xogan no centro no tempo de lecer. “Este proxecto permitiunos empregar diferentes técnicas de traballo coa madeira e afondar na montaxe de circuítos electrónicos pero tamén en competencia dixital e, o que é máis importante, en educación en valores porque, partindo dunha idea tola, fomos capaces de lograr moi bos resultados traballando en equipo con respecto e boa organización” – comentaron os responsables do proxecto.
Tamén se desenvolveu un concurso de fotografía a través de Instagram, do que resultou gañadora Aitana Sierra, alumna do Colexio Miraflores de Ourense, coa imaxe Os canastros da Merca, na que amosa o importante papel da madeira no mundo rural, a través dunha construción tan nosa como son os hórreos. Na categoría de docentes, a premiada foi Cristina Sabucedo, profesora do CPI Laureano Prieto da Gudiña (Ourense), coa instantánea Sen esquecer a tradición, unha homenaxe ao traballo artesanal dos carpinteiros.