Unha mostra da USC e Caixanova fará un percorrido pola computación: dende o uso dos ábacos ó das computadoras

venres, 21 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Caixanova e USC veñen de presentar o bosquexo final dunha mostra didáctica que será un percorrido polas matemáticas ó longo da historia e, máis concretamente, polo rexistro das mesmas e das operacións vinculadas a elas en calquera das súas feituras. O nome da exposición, que se poderá visitar de xaneiro a marzo do vindeiro ano na Igrexa da Universidade de Compostela, fala por si só: Dos ábacos aos computadores.
Máis polo miúdo, a idea da entidade financeira e da Universidade é achegarnos ó proceso evolutivo que vai dende os sistemas de cálculo das culturas orientais, grecorromanas e islámicas até o xurdimento da informática no século XX (visitar a mostra será, polo tanto, coma unha viaxe no tempo a cabalo dos números).
A mostra foi presentada este venres no Colexio de San Xerome polo reitor Senén Barro e polo presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, na imaxe.
Logo da súa apertura en Santiago a finais de xaneiro, en datas aínda non concretadas, a mostra percorrerá todas as sedes de Caixanova en Galicia para rematar o itinerario no Campus de Lugo.

PUBLICIDADE