Unha mostra en Oleiros achéganos á arte xenerativa

mércores, 12 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Unha das pezas da exposición, creada cunha Raspberry Pi

O vindeiro sábado ás 13:00 horas a sala Espacio Peculiar de Oleiros acollerá a inauguración da exposición Natureza dixital: Marea, choiva e outros algoritmos, a primeira exposición dedicada á arte xenerativa en Galicia. Esta mostra permite descubrir a obra de Manuel Lariño, único artista galego presente en ArtBlocks, a principal galería de arte xenerativa baseada en blockchain con sede en Texas.
En 2023, ArtBlocks seleccionou e realizou a poxa da súa colección Forecast, unha serie de 365 pezas únicas xeradas de xeito autónomo polo algoritmo deseñado por Lariño, que se esgotaron en menos dunha hora. Agora, unha selección de Forecast poderá verse en Espacio Peculiar xunto a traballos inéditos que se presentan por primeira vez nesta mostra.
Nesta exposición, Lariño convídanos a descubrir a contorna desde unha nova perspectiva que fusiona o dixital e o natural. Durante a inauguración, o artista realizará unha visita guiada na que compartirá cos asistentes as claves do seu traballo e as ideas que sustentan as obras expostas. A mostra poderá visitarse até o 22 de marzo en horario de luns a sábado de 9:30 a 14:30 horas con entrada de balde.
Na arte xenerativa, o artista deseña un algoritmo que define unha serie de variables e regras, establecendo así un sistema capaz de xerar obras únicas a partir dun mesmo código. Neste proceso, o artista deposita parte do control da obra no algoritmo, que, de forma autónoma e impredicible, crea a peza final.