Unha mostra interactiva sobre as cantareiras, premiada pola Secretaría da Lingua no concurso do Día das Letras

martes, 6 de maio do 2025 S. P.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular, que recaeron no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda, na Coruña, e no instituto Castelao, de Vigo. Neste último centro, precisamente, celebrouse este luns 5 de maio o acto de entrega do premio na modalidade de Ensinanza Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, no que participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este concurso para achegar “a relevancia das homenaxeadas e das súas achegas ao patrimonio inmaterial” entre as xeracións máis novas, das que gabou a “súa implicación e compromiso” con esta difusión, a través das propostas recibidas no concurso dunha “calidade admirábel”.
Precisamente, Valentín García salientou a “beleza estética e a harmonía” de ambas as dúas exposicións, tanto na modalidade do instituto Castelao que gañou co proxecto Canta que cadramos ben, como na categoría de Educación infantil e Primaria, onde resultou gañadora a do colexio Celso Emilio Ferreiro coa mostra que leva por título Cantareiras: poesía popular oral. As dúas iniciativas están complementadas, ademais, cunha guía didáctica.
En concreto, á mostra Canta que cadramos ben valorouse que “ofrece un contidos capaces de configurar distintos aspectos do panorama tradicional, coa poesía popular oral e as cantareiras como un canto ao pasado máis inmediato pero tamén ao presente”. Mentres, na exposición Cantareiras: poesía popular oral fíxose fincapé no seu carácter integrador e inclusivo co emprego de técnicas e recursos diversos, entre os que se atopan códigos QR ou pictogramas.
Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende “impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, xa que se lles propuxo que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial”.
Ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.