Unha nova páxina web axuda a interpretar os resultados das análises clínicas

luns, 12 de marzo do 2007 Raquel Noya

As análises clínicas (ó igual cá letra dos médicos ou a páxina web do INE) son unha das cousas máis complicadas de descifrar hoxe en día para os non entendidos. Os informes das revisións médicas quedan no esquecemento en caixóns dos cuartos cando, unha vez recollidos e escoitada a opinión do especialista (que sempre nos advirte da mala vida que estamos a levar), só vemos neles cifras de niveis hormonais, de glucosa, do temido colesterol, do ácido úrico... En definitiva, información totalmente indescifrable para nós e que non nos di nada. A Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular (SEQC) e a Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (FENIN) (seguramente conscientes disto) veñen de pór en funcionamento o sitio www.labtestonline.es, a primeira páxina web en España na que se lles achega ós doentes toda a información que precisen para interpretar as análises clínicas (e efectivamente poder fiarse das ameazas do médico de cabeceira).
Trátase dun proxecto a escala europea que conta co aval científico da SEQC e que responde de xeito claro e conciso ás preguntas e consultas sobre todo o referente ás análises clínicas. Se ben un dos obxectivos desta páxina é axudar ó doente a preparar ás súas visitas ó médico e manterse informado, “non quere dicir que a web substitúa ó profesional sanitario en ningún momento e segue sendo imprescindible que o diagnóstico o faga un médico” (por se a algún individuo se lle ocorre montar unha clínica clandestina), un apunte que quixeron deixar claro os autores da iniciativa a fin de evitar confusións.
A experiencia da web en Estados Unidos e no Reino Unido augura un bo futuro para esta iniciativa que bota a andar de xeito simultáneo en España, Alemaña e Italia.

PUBLICIDADE