Unha nova web galega ofrece vivendas de baixo custo

venres, 26 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Dous veciños do barrio de Meixonfrío, en Santiago de Compostela, os irmáns Miguel e Uxío Gómez, veñen de pór en marcha un portal de vivendas de baixo custo en Internet.Ó igual que as modernas compañías aéreas que nos levan ó estranxeiro por catro pesos, a web casasderebajas.com pretende pornos perante os ollos ofertas de inmobles da capital galega e doutras localidades de toda Galicia para alugar e mercar por un prezo máis baixo có que ofrecen outras inmobiliarias.
A empresa Sociga Unión e a encargada de xestionar directamente a compra, a venda e o aluguer de pisos e casas neste sitio. Se a isto lle engadimos a ausencia de intermediarios, e centos de ofertas en toda a nosa terra (entre as que se atopan casas, chalés, locais comerciais, oficinas, garaxes e faiados), obtemos o primeiro portal web inmobiliario de Galicia que pode abaratar de xeito considerable o prezo dos inmobles. A web xa leva xestionadas unha ducia de operacións no mes que leva en funcionamento e os seus promotores, dado o éxito acadado, teñen en mente incluír tamén unha ligazón para naves e chan industrial.

PUBLICIDADE