Unha pantalla magnética permite facer selfies coa cámara traseira do móbil

mércores, 8 de abril do 2026 Redacción

Insta360 anunciou o lanzamento de Snap, un monitor compacto que se acopla magneticamente ao smartphone e permite utilizar a cámara traseira para facer selfies e vlogs cun maior nivel de nitidez. O accesorio chega en dúas versións: unha estándar e outra con iluminación integrada, pensada para mellorar a calidade da imaxe en condicións de luz complexas.
A proposta parte dunha limitación habitual nos teléfonos móbiles: aínda que incorporan cámaras traseiras de alta resolución, a maioría dos usuarios continúa empregando a cámara frontal, de menor calidade, pola dificultade de encadrar a toma. Snap resolve este problema ao ofrecer unha previsualización en tempo real mentres se utiliza a cámara principal, e chega dende unha marca coñecida para os consumidores, pois non podemos esquecer que este tipo de accesorios existe dende hai tempo, pero de fabricantes chineses totalmente descoñecidos.
Dirixido a creadores de contido, vloggers e usuarios habituais, o accesorio permite aproveitar sensores máis avanzados sen renunciar á comodidade de verse na pantalla durante a captura. Ademais, facilita o uso de lentes gran angular para selfies máis amplos e detallados.
A variante Snap con Luz incorpora un sistema de iluminación axustable desenvolvido en colaboración con Amiro, especializado en óptica de maquillaxe profesional. Esta solución permite adaptar o brillo e a temperatura de cor para conseguir tons de pel máis equilibrados en diferentes escenarios, desde interiores con pouca luz ata situacións a contraluz.
Snap aposta por unha integración sinxela co teléfono. Funciona mediante conexión USB-C, sen necesidade de emparellamento, cun retardo mínimo de arredor de 30 milisegundos e sen requirir batería propia. A pantalla táctil replica a interface do smartphone, permitindo modificar parámetros, encadrar a imaxe ou controlar aplicacións directamente desde o accesorio.
Entre as súas características tamén figura a posibilidade de inverter a vista previa cun só toque, facilitando unha experiencia máis natural ao axustar a pose, o peiteado ou a expresión facial. Ademais, o dispositivo é compatible tanto coas aplicacións de cámara nativas como con ferramentas de terceiros.
En canto ao deseño, Insta360 Snap preséntase como un accesorio ultrafino e portátil, pensado para o uso en mobilidade. Inclúe unha funda protectora que actúa tamén como soporte durante a captura e un sistema magnético que permite fixalo rapidamente ao terminal.
Insta360 Snap está dispoñible a un prezo de 85,99 euros para o modelo estándar, mentres que a versión con iluminación integrada elévase ata os 95,99 euros.

Vídeo promocional do novo accesorio de Insta360