Unha pantalla táctil con LED infravermello imponse na feira Galiciencia
luns, 24 de novembro do 2014
O palmarés da
edición 2014 da feira da mocidade científica Galiciencia tivo sabor
TIC. De feito, segundo nos conta a organización do certame
(Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia), a achega gañadora
(gañadora absoluta) foi
a pantalla táctil con LED infravermella concibida e desenvolvida
polos escolares-investigadores Pablo González e Efrén Varon, do
Colexio Santa Teresa de Xesús Carmelitas de Ourense, cuxo proxecto
tecnolóxico foi salientado de xeito unánime polo xurado. Así,
proclamouse vencedor na categoría de segundo ciclo da ESO e foi
gañador absoluto tras impoñerse aos puntos aos enxeños dos outros
dous equipos gañadores nas modalidades de primeiro ciclo da ESO e
Bacharelato.
Por certo que
Pablo e Efrén, en virtude do éxito acadado os días pasados en
Ourense, levarán o seu invento a Exporcerca, en palabras da
Tecnópole “a feira científica máis importante do Estado”, que
se celebrará en Barcelona na primavera de 2015. O enxeño destes
dous rapaces investigadores consistiu nun sistema que converte
calquera pantalla de ordenador convencional nunha pantalla táctil.
Segundo contaron eles mesmos na feira galega, o desenvolvemento
“inclúe un punteiro con luz LED co que se pode escribir na
pantalla, ao tempo que usamos o mando da Wii como dispositivo de
conexión bluetooth entre o punteiro e a pantalla”, explican. O
sistema pode usarse tanto na pantalla do ordenador como nunha
proxección se se quere visualizar a meirande escala.
Lembrar que
nesta edición de Galiciencia acadaron a case todos os niveis cifras
maiores ca nas convocatorias previas. De feito, participaron
finalmente 44
equipos de estudantes de ESO e Bacharelato de toda Galicia e tamén
de Barcelona, aos que este ano se sumaron como novidade outros 20 de
Primaria fóra de competición.
Os premios
foron entregados polo director da Axencia Galega de Innovación,
Manuel Varela, que agradeceu “o esforzo de alumnos e profesores”
e destacou que a súa iniciativa “ten moito mérito”. Asemade,
valorou moi positivamente o papel de Galiciencia e das actividades
que abrangue (como as Aulas Galiciencia) no camiño de espertar e
afianzar carreiras científicas entre os nosos nenos e adolescentes.
O gañador na
categoría de 1º ciclo da ESO, Beltrán Sousa, do Colexio Guillelme
Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense), amosou
a utilidade das labras de lapis
e ceras de cores para fabricar calcetíns e soletas para zapatos
cómodos, económicos e ecolóxicos.
Na categoría de Bacharelato as
gañadoras foron Olalla Álvarez e Sara González, do IES David Buján
de Cambre (A Coruña), que deseñaron un sistema de alerta de
temperatura para instrumentos musicais. Así, mediante un pequeno
circuíto implantado nas fundas dos instrumentos e dotado con sensor
de temperatura e humidade, o usuario recibe alertas sonoras e
luminosas mediante luces LED cando se acadan condicións ambientais
que poden ser prexudiciais.
Cada un dos membros dos tres
equipos gañadores levou unha cámara deportiva de fotos e vídeo.
Este ano tamén se entregaron diplomas aos segundos e terceiros
clasificados en cada categoría.
Saray Ramiro, do Colexio
Guillelme Brown, quedou segunda na categoría de 1º ciclo da ESO co
seu proxecto de elaboración de plástico biodegradable empregando
como materia prima leite de orixe animal. O terceiro posto nesta
categoría correspondeulle a Matías Caballero e Pablo Rodríguez, do
Colexio Alborada de Vigo, polo seu estudo sobre o cultivo das
ascidias (organismos mariños que teñen capacidade para filtrar) na
Ría de Vigo para producir biomasa.
Na categoría de 2º ciclo da
ESO, o freo de seguridade para cadeiras de bebé de Diego García e
Ignacio González, estudantes do Colexio Los Sauces (Mos,
Pontevedra), quedou clasificado en segundo lugar. O terceiro
correspondeulle ao proxecto de síntese de biodiésel a partir de
aceite de cociña usado deseñada por Carlos Martínez e David
Santos, do CPI San Sadurniño (A Coruña).
O segundo clasificado na
categoría de Bacharelato foi o proxecto de conservación de
alimentos mediante ultrasóns desenvolvido pola ourensá Claudia
Escapa nas Aulas Tecnópole, mentres que o terceiro foi para o robot
submarino Tecnorov de Ángel Muiño e Daniel Pérez do IES
Ortigueira (A Coruña).
