Unha parodia de Heidi promociona o novo xogo de Resident Evil

luns, 20 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O vindeiro venres sairá á venda o agardado remake de Resident Evil 4, con versións para PC, Xbox Series X|S, PS4 e PS5, prometendo unha revisión modernizada tanto en gráficos como en mecánicas de xogo dun clásico que marcou o camiño do seu xénero, e para animar a espera dende Capcom en Xapón veñen de sorprender publicando o primeiro capítulo dunha serie de animación xaponesa titulada Leon e a Vila Misteriosa.
Falamos de episodios animados de menos dun minuto de duración, que na primeira entrega vemos como unha parodia da serie de Heidi, que tanto éxito tivo en España na década dos 70. Podemos ver como Leon S. Kennedy chega a unha vila na que aparecen diferentes personaxes armados con instrumentos de labranza que o atacan despois de que lles pregunte por Ashley Graham, moza á que debe protexer no videoxogo.
Entendemos o resto de episodios desta serie de animación manterán a mesma proposta gráfica e o mesmo ton paródico, contribuíndo a incrementar a expectación polo xogo que xa ten unha versión de demostración dispoñible, e que na súa versión para PlayStation 5 presenta unha puntuación en Metacritic dun 93 sobre 100, só superado por 3 títulos (Elden Ring, The Witcher 3 e God of War: Ragnarök), dando a entender que estamos ante un dos mellores xogos de 2023 pese a tratarse dun remake.

Primeira entrega de Leon e a Vila Misteriosa

PUBLICIDADE