Unha páxina web convida a usar marcas de auga para protexer a nosa documentación

luns, 10 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O enxeñeiro técnico en Telecomunicacións e xefe de produto para o Real Madrid, Carlos Sánchez, preocupado polo perigo que supón compartir copias dos nosos documentos de identidade, decidiu reaccionar ofrecendo totalmente de balde unha ferramenta web chamada Saferlayer, que serve para protexer os documentos e evitar calotes inserindo nas imaxes a marca de auga que desexemos.
O concepto é moi sinxelo: cando algunha compañía nos solicite unha copia do DNI ou do pasaporte, debemos introducilo en Saferlayer, para que a ferramenta, que se executa no noso navegador web (polo que non circulan copias pola Rede), xere unha imaxe modificada na que incorpora de xeito visible na copia do documento o texto que indiquemos, que debería ser unha indicación da finalidade da copia. Deste xeito, quen custodie unha copia da nosa documentación estará disuadido de facer un mal uso da mesma, xa que de realizarse un uso fraudulento da imaxe quedaría clara a súa procedencia.
A resposta do público ante Saferlayer é tal que o seu responsable asegura que a ferramenta está a incorporar unha marca de auga a unha imaxe cada 9 segundos, deixando en evidencia a necesidade dunha funcionalidade deste tipo que ante a atención captada probablemente vaia ser imitada até o punto de que se integre unha solución semellante en boa parte do noso software habitual para facilitar a loita contra a suplantación de identidade mediante documentación roubada.

A marca de auga visible na imaxe disuade do mal uso da mesma