Unha resolución xudicial obriga ao bloqueo de Telegram en Rusia

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

Medios fronte ao xulgado de Tagansky agardando á resolución xudicial contra Telegram

Continúan as informacións ao respecto do enfrontamento xudicial entre Telegram e o FSB, e tras confirmarse que o goberno ruso iniciara os trámites para bloquear o acceso á aplicación de mensaxería no seu territorio por non terlle facilitado as súas chaves de cifrado, agora chega a inevitable resolución xudicial, e o Tribunal de Distrito de Tagansky admitiu os requirimentos do goberno para bloquear Telegram por non atender á resolución xudicial anterior na que lles esixían as chaves de cifrado.
Aínda que Telegram podería apelar a decisión dentro dun mes, o xulgado estableceu unha restrición ao acceso a Telegram dentro do territorio ruso até que acheguen as chaves de cifrado ao FSB, decisión que debe executarse de inmediato segundo o xuíz, aínda que hai fontes que consideran probable que as medidas non sexan efectivas até as resolucións das vindeiras apelacións.
Os representantes de Telegram non acudiron ao tribunal por considerar o fundador da compañía, Pavel Durov, que tal presenza lexitimaría a actuación xudicial que consideran contraria aos dereitos humanos. Dende o FSB, pola contra, sosteñen a necesidade de acceder ás comunicacións de Telegram para garantir a seguridade nacional, especialmente tras terse constatado o uso desta ferramenta de comunicación por parte de terroristas como os que atentaron no metro de San Petersburgo en abril do ano pasado (en cuxa investigación Telegram non colaborou pese a ter a obriga legal de facelo).

PUBLICIDADE