Unha revista foxe da tiranía das redes sociais apostando polo formato RSS

mércores, 5 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Hai algo máis de vinte anos popularizouse o formato RSS para facilitar a distribución de contidos na web, de xeito que empregándose aplicacións ou servizos de agregación como Google Reader era posible facer un seguimento de numerosas páxinas web e blogs sen ter que visitar cada espazo web un a un para comprobar se tiñan actualizacións.
O xurdimento das plataformas redes sociais foi facendo que este xeito de achegar os contidos aos usuarios fose perdendo pulo (ao que tamén contribuíu seriamente o peche de Google Reader), sen chegar a desaparecer, e agora hai voces que reivindican os lectores de RSS como un xeito de recuperar o control dos contidos que consumimos ante a tiranía das redes sociais. Como mostra diso temos agora unha interesante iniciativa de Antonio Cambronero, que a través de Blogpocket vén de lanzar a revista RSS Magazine.
Na práctica o RSS Magazine vén a ser un blog colaborativo, que até o momento recolle textos de Antonio Cambronero, do profesor José Luís Orihuela e do xornalista galego Manolo Rodríguez, co detalle de que as entradas da bitácora están bloqueadas para a súa lectura en aberto na web, de xeito que só é posible acceder ao seu contido dende un lector de RSS, de aí que esteamos ante «a primeira revista que se le só mediante RSS».
A restrición de distribución do RSS Magazine semella unha decisión contraria á lóxica (pois limita drasticamente a visibilidade dos contidos), pero serve como unha declaración de intencións ao reivindicar a fuxida das plataformas sociais empregando un formato de distribución libre.