Unha tecnoloxía que aumenta a seguridade dos ciclistas, premiada por Educacion e Repsol

luns, 18 de febreiro do 2019 Redacción

Educación e Repsol premiaron hoxe dous salientábeis proxectos de emprendemento innovador impulsados polos nosos estudantes. Por unha banda estamos a falar de Biotea, unha proposta de novo material para adaptar aos novos tempos (máis sustentábeis, eficientes, ecolóxicos e rendíbeis) o sector do téxtil e dos tapices. Pola outra, galardoaron a iniciativa Bguard, un proxecto que pon en xogo tecnoloxías para evitar colisións entre os usuarios de bicicletas.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, xunto co director da Área de Emprendemento de Fundación Repsol, Eduardo García, foron os encargados de entregar os galardóns, convocados en colaboración con Repsol, cuxa refinaría na Coruña acolleu o acto. Na cita tamén se presentaron ante o xurado os once traballos aspirantes, todos eles desenvolvidos por centros da área da Coruña vinculada á actividade empresarial da dita compañía petroleira.
O proxecto Biotea, cunha proposta de novo material semellante ao coiro producido por un fungo, alzouse co primeiro premio desta segunda edición do programa Emprendemento en FP, proxecta o teu futuro. Segundo lembrou o xurado, este novo material caracterízase por unha produción máis rápida, económica e ecolóxica, polo que vai dirixida a empresas interesadas en novos materiais, como tapizadoras ou téxtiles.
O segundo premio foi para o proxecto Bguard, cuxo equipo presentou un dispositivo tecnolóxico para bicicletas de alerta de proximidade de vehículo que aumenta a seguridade do usuario e realiza gravación do que ocorre na contorna que posibilita a investigación en caso de accidente.
Cada un dos membros do equipo clasificado en primeiro lugar recibiu unha tarxeta regalo de 200 euros, mentres que os compoñentes do segundo equipo clasificado obtiveron unha tarxeta regalo por valor de 100 euros.
O programa Emprendemento en FP, Proxecta o teu Futuro é unha iniciativa dirixida a fomentar a cultura emprendedora no ámbito da formación profesional a través dun modelo de traballo que pon en contacto a empresas, sistema educativo, mercado e sociedade; ao tempo que mellora a empregabilidade dos estudantes de FP. Neste curso o programa involucrou a un total de 50 estudantes dos ciclos superiores.

PUBLICIDADE