Unha trintena de estudantes participaron en Carballo nos campamentos tecnolóxicos do proxecto CRI-TIC

mércores, 28 de agosto do 2024 S. P.

Os campamentos tecnolóxicos organizados este verán polo Concello de Carballo en colaboración da Fundación Esplai en Galicia chegaron ao seu remate. Grazas ao proxecto CRI-TIC, unha trintena de nenos/as e adolescentes do concello bergantiñán puideron acudir durante todo un mes á Aula CeMIT para mellorar as súas competencias dixitais, coñecer as ferramentas precisas para usar a tecnoloxía de xeito responsábel e consciente, previr as adiccións ás novas tecnoloxías ou identificar e previr o acoso a través da Rede, e todo iso, informou o Concello, “desenvolvido dun xeito moi lúdico”.
Ademais, nas sesións diarias impartidas pola monitora Irene Ferreira puideron entrar en contacto coa Intelixencia Artificial e a robótica, entre outros contidos.
O proxecto CRI-TIC, Infancia e mozas con criterio dixital, é unha iniciativa da Fundación Esplai en Galicia que ten como obxectivo principal “favorecer a adquisición de competencias dixitais buscando garantir a inclusión dixital desde a nenez”. Consciente da importancia de inculcar na rapazada un uso responsábel e seguro da tecnoloxía, o Concello de Carballo apostou pola participación no proxecto.
Completado o itinerario formativo de 30 horas, os alumnos e alumnas recibiron os diplomas acreditativos nun acto no que participou a concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, Maica Ures.
Con esta actividade, ademais de mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa, recuperouse a actividade da Aula CeMIT local situada no primeiro andar do Pazo da Cultura, que forma parte da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica da Xunta de Galicia e que vén de ser equipada con novos ordenadores, ademais de impresora 3D, dron, etc.