Unha vintena de centros renovan a súa participación no modelo de comunicación de Ponte nas Ondas
mércores, 8 de xaneiro do 2025
Un total de 19 centros educativos de toda Galicia renovan este curso a súa participación do modelo de educación patrimonial Ponte... nas Ondas!, recoñecido en 2022 pola UNESCO como exemplo de boas prácticas en materia de sensibilización co patrimonio na nenez ademais de ser un proxecto referencial no uso colaborativo das novas canles tecnolóxicas de comunicación, no caso concreto de PNO postas ao servizo de unir territorios irmáns da Eurorrexión (Galicia e o norte de Portugal) arredor do seu patrimonio común.
Os centros educativos participantes contan cunha serie de recursos e son recoñecidos como centros Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Participan nesta iniciativa os seguintes centros: o IES de Catabois (Ferrol), o IES Plurilingüe Fontexería (Muros), o CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles, Ourense), o CEIP Plurilingüe Ben- Cho-Shey (Pereiro de Aguiar, O), o CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada), o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), o CEIP de Petelos (Mos), o IES de Ponte Caldelas, o IES do Barral (Ponteareas), o IES Luís Seoane (Pontevedra), o
IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o CEP Altamira (Salceda de Caselas), o IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), o CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño), o IES de Salvaterra de Miño, IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), o CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo) e o EEI Vila Laura (Vigo).
A Consellería de Educación explicou que o obxectivo é “ir incorporando progresivamente ao sistema de ensino público este modelo recoñecido polas Nacións Unidas”.
Ponte... nas ondas! naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica que leva o seu mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses, botando man das novas ferramentas e formatos de comunicación, principalmente os podcast.
A este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e Portugal. En 2022, o XVII Comité Intergubernamental da UNESCO aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de referencia.