Unha vintena de entidades participa no terceiro Foro Emprego da ESEI de Ourense

martes, 20 de marzo do 2018 Redacción

Esta semana, entre hoxe e mañá, celébrase na Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense unha nova edición (a terceira) do Foro Emprego. A cita, un espazo común para empresas do sector TIC e alumnado (onde poder establecer contacto e achandar o terreo para máis que posíbeis colaboracións laborais) desenvólvese a partir das 10.00 horas no salón de graos do Edificio Politécnico. No foro están a participar arredor dunha vintena de compañías e entidades, todas elas co nexo común de demandar profesionais do eido tecnolóxico. Segundo apuntou a Escola na inauguración (hoxe pola mañá) do encontro, “o que diferenza este foro de emprego doutros é que o alumnado participa nel consciente das vantaxes que lle dan as elevadas taxas de empregabilidade destes titulados e tituladas”.
O obxectivo da iniciativa, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é duplo. Por unha banda,“ao alumnado permítelle coñecer o mercado laboral, contactar con empresas do sector e ver que proxectos están a desenvolver na actualidade”. Por outra banda, sinalou, “ás empresas permítelles contactar co alumnado de mestrado e de grao desde etapas temperás, antes da súa saída ao mercado laboral”. O director da ESEI tamén lembrou as “altas taxas de empregabilidade do sector, superiores ao 90% unha vez remata a titulación”.
Repetindo moitas delas de anteriores edicións, o foro conta coa participación de empresas e entidades como Bahía Software, Tecnologías Plexus, Grupo Cuevas, Balidea Consulting, Viewnext, Gradiant, Altia, Redegal, Arbentia Consulting, Optare Solutions, Imatia Innovation, Sivsa Soluciones, Coremain, Everis e Indra Sistemas.
A programación permite ao alumnado asistente asistir a presentacións de cada unha destas entidades e por outra realizar entrevistas individuais cos representes destas empresas, entrevistas nas que os estudantes poden entregarlles os seus currículos e establecer contacto.
A primeira das presentacións correu a cargo de Bahía Software, empresa de consultaría tecnolóxica de software a medida nada en 1999 e que na actualidade conta con arredor de 180 traballadores e traballadoras. Iria Vázquez, técnica de selección da entidade, e Álvaro Suárez, responsábel da delegación en Ourense, foron os encargados de explicar ao alumnado presente as características da empresa, dalgúns dos perfís tecnolóxicos que están a procurar e de proxectos que na actualidade están a desenvolver en diferentes eidos, sobre todo no da saúde.

PUBLICIDADE