Unha vintena de mozas e mozos participaron no Campamento Dixital de Poio

luns, 25 de agosto do 2025 S. P.

O Campamento Dixital de Poio puxo fin a unha intensa programación de verán organizada polo Concello para a mocidade. A concelleira Tamara González entregou os diplomas o pasado venres 22 de agosto aos preto de vinte mozos e mozas que participaron nesta iniciativa, que se organizou en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.
Esta actividade foi unha das principais novidades da ampla programación xuvenil de verán impulsada polo Concello de Poio, campamentos nos que participaron máis de 120 mozos e mozas. O Campamento Dixital foi dirixido á mocidade de idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos e celebrouse na Aula CeMIT de Combarro, achegando formación a 17 rapaces e rapazas do municipio.
A iniciativa tivo como obxectivo achegar ás novas xeracións competencias dixitais clave para o seu desenvolvemento persoal, académico e futuro profesional. Os contidos estiveron adaptados segundo as franxas de idade, garantindo unha aprendizaxe útil e adaptada ao nivel de cada grupo.
Esta iniciativa foi impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE.