Unha xornada abordará os efectos da innovación inclusiva no sector TIC

martes, 27 de setembro do 2022 Redacción

A Facultade de Economía e Empresa da UDC organiza xunto co Concello da Coruña e en colaboración coa asociación empresarial Rede Mundo Atlántico, as xornadas A Era da Innovación Inclusiva e os seus efectos sobre os proxectos sociais, tecnolóxicos e culturais que se celebrarán os días 28 de setembro e 3 e 5 de outubro, en horario de mañá, na aula Magna da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.
A inauguración oficial das Xornadas terá lugar mañá, mércores 28 de setembro ás 09:30 e correrá a cargo do catedrático e decano da Facultade de Economía e Empresa, Manuel Gómez Suárez. Tras a inauguración arrincará un completo programa de relatorios que, nesta primeira xornada, abordará o tema da innovación inclusiva no sector das TIC.
Neste primeiro día de actividade intervirán relatores como Manuel Balseiro (Inetum), que falará no seu relatorio sobre as claves para a xestión de tecnoloxías disruptivas, ou como Sílvia Fraga (Plexus Tech) que presentará o seu relatorio A R-evolución dixital e o reto de humanizar a tecnoloxía. A xornada do mércores pecharase ás 13:30, coa intervención do emprendedor Ramón Castro Neira (Truckters) que contará como é a metodoloxía de traballo nunha startup. Nesta primeira xornada de conferencias estará tamén presente o presidente da Asociación Empresarial Rede Mundo Atlántico, Mariano Gómez-Ulla.

PUBLICIDADE