Unha xornada analiza o impacto das redes sociais na infancia e adolescencia
luns, 22 de xuño do 2026
A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolle este martes a xornada Menores e redes sociais. Non hai benestar sen benestar dixital. Enfoques e desenfoques da prevención actual, unha iniciativa que pretende fomentar a reflexión e o debate arredor dos efectos que o desenvolvemento tecnolóxico está a ter na vida da mocidade e das medidas necesarias para promover un uso saudable das ferramentas dixitais.
O encontro, que se desenvolverá entre as 9:30 e as 13:30 horas no salón de actos da facultade, abrirase cun acto institucional no que participarán a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa; e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Tamén intervirá por vía telemática a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Francisca Sureda Llull.
A iniciativa forma parte do proxecto Infancia Digital, resultado dun convenio de colaboración entre UNICEF España, a USC, a entidade pública Red.es e o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería Informática. Este traballo permitiu desenvolver o estudo Infancia, adolescencia y bienestar digital. Una aproximación desde la salud, la convivencia y la responsabilidad social, dirixido cientificamente polo profesor da USC Antonio Rial Boubeta e no que participaron arredor de 100.000 adolescentes e 7.500 docentes de toda España.
Os responsables do proxecto consideran necesario abrir un debate fundamentado sobre as consecuencias que a transformación tecnolóxica está a ter na infancia e na adolescencia. A xornada nace coa intención de crear un espazo de diálogo sobre o impacto da tecnoloxía, ofrecer coñecemento baseado en evidencias científicas para orientar as accións preventivas e analizar as medidas que poden impulsar as distintas administracións e institucións a curto e medio prazo.
A conferencia inaugural correrá a cargo de Joël Billieux, profesor da Universidade de Lausanne e unha das principais referencias internacionais na investigación das adiccións. O investigador coordina ademais o grupo de traballo creado recentemente pola Organización Mundial da Saúde para abordar esta cuestión.
O programa continuará con dous faladoiros orientados ao deseño de políticas de prevención eficaces. O primeiro centrarase no papel das administracións públicas e estará moderado por Antonio Rial Boubeta. Participarán o director xeral de Red.es, Jesús Herrero Poza; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández Novoa; e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago, María Rozas Pérez.
O segundo debate abordará a complementariedade entre regulación e educación. Nel tomarán parte o responsable de Educación e Dereitos Dixitais de UNICEF España, Nacho Guadix García; o profesor e investigador da Universidade Internacional de La Rioja Joaquín González Cabrera; e Enrique Benítez Palma, membro fundador do Observatorio do Sector Público e a Intelixencia Artificial (OPSPIA).
A xornada concluirá coa presentación do libro Handbook of Non-Substance Addictive Behaviors, unha obra colectiva integrada por 27 capítulos que analizan cuestións teóricas, clínicas e epidemiolóxicas relacionadas coas chamadas adiccións sen substancia. O volume tamén aborda aspectos vinculados ao neurodesenvolvemento, aos efectos do uso intensivo e temperán da tecnoloxía, ao consumo de videoxogos e pornografía, así como ao papel preventivo das familias.
A coordinación científica da publicación realizouse desde a USC baixo a dirección de Antonio Rial Boubeta, coa colaboración de máis de 60 especialistas internacionais. O proxecto financiouse integramente con fondos públicos e a súa versión dixital está dispoñible en acceso libre para profesionais, investigadores e para o conxunto da cidadanía.
Programa da xornada

