Unha xornada da ISSGA pon de manifesto como a Intelixencia Artificial pode mellorar a seguridade laboral

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

Este 4 de outubro inaugurouse a xornada técnica Aplicacións da intelixencia artificial na análise biomecánica, unha nova iniciativa no marco da oferta formativa do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia), en formato webinario e dirixida a mostrar as oportunidades que levará consigo a aplicación na mellora da seguridade e a saúde laboral das tecnoloxías disruptivas e con capacidade para xestionar grandes cantidades de datos, comprendelos e tomar as mellores decisións. Abriu a xornada a xerente do instituto, Adela Quinzá-Torroja, quen destacou algunhas das principais potencialidades da IA no dito ámbito.
Na iniciativa, desenvolvida coa colaboración de expertos do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV), sinalou que os consellos en tempo real derivados da aplicación da Intelixencia Artificial poden influír na mellora da vixilancia da seguridade e saúde no traballo, reducindo a exposición a diversos factores de risco, como o acoso e a violencia, e proporcionando, entre outros, alertas temperás de estrés e/ou problemas de saúde e fatiga. “A información obtida podería ser utilizada polas organizacións para identificar os problemas de seguridade e saúde no traballo, incluídos os riscos psicosociais”, apuntou.
Quinzá-Torroja, sinalou, ademais, que a aplicación das ferramentas disruptivas e intelixentes na análise biomecánica pode ser de gran utilidade na avaliación e deseño de postos de traballo, desde o punto de vista da ergonomía, “permitindo avanzar no obxectivo de realizar avaliacións ergonómicas simuladas para mellorar os procesos de redeseño de liñas de fabricación”.

PUBLICIDADE