Unha xornada de lecer dixital en familia quere fomentar o uso responsable das TIC

luns, 22 de setembro do 2025 Redacción

A Xunta está a ultimar os detalles da Xornada de Benestar Dixital Familiar, que terá lugar o sábado 27 de setembro no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. A proposta, organizada pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, pretende impulsar unha convivencia saudable coas pantallas e dispositivos electrónicos no seo das familias, ao tempo que promove hábitos adecuados na contorna dixital.
O encontro quere favorecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo compartido en familia, estimular a procura de contidos educativos e de entretemento con valor engadido e establecer pautas de conduta dixital nas que os adultos exerzan de referentes para os máis pequenos.
A programación desenvolverase de 12.00 a 20.00 e está pensada para todos os membros da familia, estruturándose en catro bloques de actividades. Haberá un Torneo de Mario Kart no que pais e fillos competirán nun campionato interxeracional; un obradoiro con ferramentas e orientacións sobre contidos adaptados a cada idade; actividades que combinen xogos tradicionais con propostas dixitais; e, finalmente, un taller no que se darán a coñecer as últimas tendencias do lecer dixital e os retos tecnolóxicos por vir, como a realidade virtual ou a intelixencia artificial.
Xunto con estas propostas, habilitaranse espazos de lecer e experiencias dixitais complementarias, co obxectivo de crear un ambiente participativo e distendido.
A asistencia será de balde. As familias interesadas só deberán achegarse ao hall do Multiusos Fontes do Sar, onde poderán cubrir un formulario mediante un código QR para recoller información sobre os seus hábitos dixitais e datos persoais. Con estes datos crearase unha base para facer un seguimento posterior da posta en práctica das recomendacións.
Os cuestionarios, dispoñibles tamén en formato físico e por correo electrónico, permitirán realizar unha avaliación ás catro semanas, analizando as novas actitudes adquiridas e o impacto en cada fogar.
A Consellería de Sanidade prevé ampliar esta experiencia de lecer dixital e familiar a outras localidades galegas.