Unha xornada de presentación da plataforma É-Saúde poderá seguirse nas aulas da Rede CeMIT

venres, 6 de abril do 2018 Redacción

A AMTEGA e a Universidade Sénior da Coruña colaboran no marco do Plan Dixital de Galicia nun itinerario formativo destinado á capacitación dixital de persoas maiores de 50 anos. Deste xeito, dentro das actividades previstas para este ano, o vindeiro día 10, de 11:00 a 13:00 horas, celebrarase unha xornada de presentación da plataforma É-Saúde do SERGAS nas instalacións da Universidade en Ferrol (Edificio de Apoio o Estudo - Campus de Esteiro), que se retransmitirá por videoconferencia a seis aulas da Rede CeMIT (Abegondo, Leiro, Pontevedra, Ribadeo, Santa Comba e Valga).
A presentación ten un enfoque eminentemente práctico co obxectivo de amosar as facilidades da xestión en liña que ofrece a plataforma con exemplos prácticos sobre a solicitude das citas médicas, o acceso á historia clínica do paciente ou a consulta da medicación dende calquera dispositivo sen necesidade de desprazamentos aos centros de saúde.
Esta é a segunda presentación da plataforma do SERGAS que se fai tras o boa acollida que tivo a primeira celebrada o pasado 19 de marzo e que se retransmitiu en 19 aulas CeMIT, coa participación de máis de 150 persoas.
O pasado 1 de marzo realizouse a primeira das actividades planificadas no marco do proxecto europeo: Proxecto Erasmus+ KA204 TICTac +55 - Técnicas de aprendizaxe combinadas na ensinanza das TIC para persoas maiores de 55 anos, baixo o título As TIC como unha destreza de vida nas persoas adultas e maiores europeas.
Ao longo de 2018, a Universidade Sénior da Coruña, na súa labor como aliad@ dixital, ten prevista a convocatoria de diferentes charlas informativas, presentacións e talleres que terán lugar de forma presencial nas súas instalacións e que, a través dos medios técnicos da Rede CeMIT, poderán ser seguidas ao longo de todo o territorio galego sen necesidade de realizar desprazamentos a través do sistema de videoconferencia.

PUBLICIDADE