Unha xornada de traballo serve para ultimar a futura Lei de educación dixital

xoves, 30 de outubro do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe nunha xornada de traballo e reflexión destinada a perfilar o contido da futura Lei de educación dixital, coa participación de expertos de recoñecido prestixio neste ámbito e de medio cento de docentes e colectivos profesionais que representan a profesorado especializado de distintos niveis. Con este encontro encárase a recta final do proceso participativo de elaboración que está a impulsar a Xunta de Galicia co propósito de aprobar a norma antes de que remate o curso.
A sesión tivo como obxectivo poñer en común, analizar e debater distintos aspectos normativos para enriquecer o texto final de cara á súa tramitación parlamentaria. Este encontro compleméntase coa rolda de contactos mantida pola Consellería de Educación cos representantes das ANPAS, organizacións sindicais, universidades, centros educativos a través da Xunta Autonómica de Directores e o Consello Escolar de Galicia, co fin de acadar un texto rigoroso, dialogado e adaptado aos novos retos e necesidades do sistema educativo.
Entre os expertos participantes destacan a profesora de Comunicación e Estratexia Dixital da Universidade Camilo José Cela e divulgadora sobre benestar dixital, Laura Cuesta, cun relatorio centrado na prohibición das pantallas aos menores e na educación para o bo uso das tecnoloxías; o catedrático de Psicoloxía da Universidade de Granada e investigador en adiccións sen substancias José César Perales, que abordou a relación entre tecnoloxía e saúde mental; e Francisco Bellas, doutor e catedrático da Universidade da Coruña, especialista en intelixencia artificial aplicada ao ensino, robótica evolutiva e educativa.
Ao longo da mañá desenvolveron tamén cinco grupos de traballo integrados por cincuenta docentes de centros educativos galegos de distintas etapas, asesorados por doutores enxeñeiros da Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo, entre eles a súa decana, Rebeca Díaz. Este equipo vén de elaborar un estudo completo sobre o uso da intelixencia artificial no ensino a través de grupos de innovación docente. Entre os participantes están representados colectivos profesionais como APETEGA (Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia), AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática), TADEGA (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega), AGMAL (Asociación Galega de Mestres de Audición e Linguaxe) e AGAMPI (Asociación Galega de Mestras e Mestres pola Inclusión).
A futura Lei de educación dixital de Galicia establecerá os dereitos e deberes dos distintos membros da comunidade educativa (administracións públicas, centros, docentes, alumnado e familias) ante os novos desafíos derivados da transformación social e tecnolóxica.
O texto profundará na consolidación do modelo galego de ensino híbrido, no que as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías para garantir unha formación integral do alumnado. Preténdese así dotar os estudantes das competencias dixitais necesarias para un desenvolvemento responsable, seguro, crítico e competitivo.
A norma tamén adecuará o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas segundo a etapa educativa e o grao de madurez dos estudantes, e incluirá un capítulo específico sobre intelixencia artificial, regulando o seu emprego como ferramenta de apoio á aprendizaxe e establecendo medidas para minimizar os riscos dun uso inadecuado, sempre situando ao docente e ao alumno no centro do proceso educativo.
Ademais, prestará especial atención ao benestar dixital, á privacidade e protección de datos, ao dereito á identidade dixital e á intimidade, así como á accesibilidade universal. Paralelamente, promoverase unha maior coordinación e colaboración cos centros e as familias, mediante sesións específicas de titoría e información.