Unha xornada do CPEIG axudará ás administracións a adaptarse ao novo regulamento de protección de datos

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizará o 23 de marzo unha xornada técnica e divulgativa sobre o impacto do regulamento xeral de protección de datos sobre a actividade dos concellos e administracións públicas. A actividade, organizada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), celebrarase de 9:30 a 14:30 horas no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela. Será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira; o vicepresidente executivo da FEGAMP, Manuel Mirás; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O obxectivo é poñer o foco nas responsabilidades das administracións locais e das restantes administracións de velar pola salvagarda dos datos persoais dos cidadáns no desenvolvemento das súas funcións.
Este labor de análise, reflexión e formación é máis preciso ca nunca, segundo informa o CPEIG, sobre todo se temos en conta o “forte impacto” que vai ter o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), tanto en cidadáns e empresas coma nas propias administracións, requiríndose “un gran esforzo de adaptación ao novo marco legal por parte de todos”. A xornada botará luz sobre a entrada en aplicación da nova normativa. Ademais, explica a organización, “servirá para concienciar da necesidade de adaptarse progresivamente ás novidades introducidas”.
Para quen non o saiba, o Regulamento Europeo de Protección de Datos (RXPD) foi publicado en maio de 2016, entrando en vigor nese mesmo mes, e será de aplicación a partir do 25 de maio de 2018, polo que todas as modificacións no tratamento de datos que deban realizarse terán que estar preparadas para esa data.
Os relatores encargados de explicar estas novidades serán a doutora en Dereito, secretaria de administración local e codirectora da Red Localis, Concepción Campos; a directora xeral de UNIVE Avogados, Carmen Cas; o xefe do departamento de Seguridade en AMTEGA, Gustavo Herva; e o doutor en Dereito e director do Master Protección e Tratamento de datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Daniel Neira.

PUBLICIDADE