Unha xornada en Santiago analizará como a realidade aumentada pode mellorar a experiencia alimentaria
luns, 6 de outubro do 2025
O 7 de outubro celebrarase en Santiago a xornada Taste of Altered Perceptions. Tastyng Phygital Seasoning en O Gabinete, o espazo cultural independente no barrio de Sar en Santiago de Compostela. Neste encontro presentaranse os resultados dun ano de traballo conxunto entre a empresa de base tecnolóxica TasteLab e a deseñadora Laila Snevele.
TasteLab, firma innovadora xurdida no seo da Universidade de Santiago de Compostela, está especializada en análise sensorial. Entre os seus principais fitos destaca a creación de SensesBit, un software innovador con capacidade para predicir e analizar as percepcións sensoriais e as preferencias das persoas consumidoras mediante algoritmos avanzados.
A firma engade que “a esta aposta constante pola innovación súmase nosa a participación en Hungry EcoCities, un proxecto financiado pola Comisión Europea que procura xerar encontros entre arte e empresa para redefinir o futuro da produción e do consumo de alimentos”.
Ao longo deste último ano, a empresa con sede en Lugo colaborou estreitamente con Laila Snevele, deseñadora sensorial de alimentos e fundadora de Sensoverse, un estudo de deseño de alimentos en Eindhoven (Países Baixos). Froito desta colaboración, Snevele desenvolveu Phygital Seasoning, en palabras de TasteLab “unha proposta especulativa sobre como a Realidade Rumentada pode transformar a maneira en que comemos, cultivamos, mercamos e nos relacionamos coa comida”.
Na xornada do 7 de outubro, as persoas participantes serán convidadas a usar as lentes Vision Pro, un dispositivo que integra contido dixital no espazo físico. Durante a sesión poderán experimentar como a VR inflúe na análise sensorial e visualizar sensacións como o doce ou o salgado. “Trátase dunha experiencia inmersiva que busca expandir a nosa percepción alimentaria”, sinala a dita firma.
Este proxecto inscríbese en Hungry EcoCities, financiado polo programa de investigación e innovación Horizonte Europa da Unión Europea. O consorcio europeo está liderado por prestixiosas institucións como Brno University of Technology (CZ, coordinadora), KU Leuven (BE), CRA – Carlo Ratti Associati (IT), Studio Other Spaces (DE), In4Art (NL), Mendel University (CZ), NethWork (NL) e FundingBox (PL). Ademais, forma parte do programa S+T+ARTS, unha iniciativa da Comisión Europea que promove novas formas de innovación no cruce entre arte, ciencia e tecnoloxía.
