Unha xornada na Coruña introducirá na despregadura de contedores
luns, 6 de abril do 2026
O GPUL organiza o vindeiro 8 de abril unha nova sesión do programa formativo GPUL School centrada na despregadura de servizos mediante contedores. A actividade celebrarase ás 19:00 horas na aula 2.11 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e os interesados en participar poden inscribirse a través de Meetup.
A charla, impartida por Samuel H., abordará de maneira detallada o funcionamento das tecnoloxÃas de contedores aplicadas á despregadura de aplicacións. Durante a sesión explicaranse os principais conceptos de Docker, desde a creación e xestión de imaxes ata o uso de volumes e redes, acompañados de exemplos prácticos pensados para facilitar a súa comprensión.
Ademais, introducirase Docker Compose como ferramenta para simplificar a posta en marcha de servizos complexos. Esta solución permite definir e executar múltiples contedores a través dun único arquivo YAML, reducindo a complexidade do proceso e mellorando a reproducibilidade dos contornos. A presentación incluirá exemplos de código comentados paso a paso para ilustrar o seu uso.
A iniciativa enmárcase nas actividades divulgativas de GPUL, orientadas a achegar coñecemento técnico actualizado á comunidade tecnolóxica e ao estudantado interesado no ámbito do software libre e a administración de sistemas.
