Unha xornada no Campus de Ourense pon sobre a mesa diferentes xeitos de acabar co ciberacoso
luns, 7 de outubro do 2024
As agresións sexuais nas redes e os xeitos de concienciar á sociedade (especialmente ás novas xeracións) para combatelas centraron este luns 7 de outubro unhas xornadas celebradas na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense.
A actividade Do sexting ao acoso e abuso sexual baseado nas imaxes entre adolescentes: novos riscos online estivo organizada desde o grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo pola profesora titular Yolanda Rodríguez e a axudante doutora Rosana Martínez. Na inauguración participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense, e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade,
Segundo sinalaron, os obxectivos da cita son “incrementar a conciencia de risco do material auto-xerado, recibido e manipulado de imaxes de contido sexual entre adolescentes, a través das prácticas do sexting” e “promocionar a igualdade de xénero para previr as ciberviolencias sexuais cara as mozas e mulleres”.
O programa deseñado tamén quixo “identificar as novas formas de expresarse do patriarcado nosa sociedade actual, tanto na esfera offline como en liña”, mostrar a realidade destas e “contribuír a construír sociedades igualitarias e libres de violencias cara as mozas e mulleres”. Ao celebrarse na Facultade de Educación e Traballo Social, a xornada incluíu entre os seus retos ofrecer ao alumnado asistente competencias multidisciplinares sobre como crear espazos coeducativos igualitarios e de tolerancia cero a calquera manifestación de violencia deste tipo.
Yolanda Rodríguez lembrou na apertura das xornadas que estas se centraron de xeito especial na mocidade xa que, afirmou, “as e os nosos adolescentes, tantos os da xeracións Z como Alfa, estanse cibersocializando. Internet, as redes sociais, as aplicacións de mensaxería instantánea... son ferramentas que utilizan habitualmente para comunicarse e establecer relacións. É máis, podemos dicir que hoxe en día prefiren comunicarse de xeito online antes que cara a cara”. Ante esta nova socialización, apuntou, xorden novos fenómenos. Entre eles sinalou o paso do sexting, no que o seu grupo de investigación leva arredor dunha década investigando, ao acoso e abuso sexual. Así chamou a atención sobre “comportamentos que as e os nosos adolescentes teñen xa normalizados, que os consideran ata divertidos, sen apenas consecuencias” pero que en realidade son acoso ou abuso sexual e cuxas vítimas maioritariamente son as mozas.
A xornada contou na sesión da mañá con varias conferencia. Coral Herrera, escritora, comunicadora e docente membro do Observatorio de Masculinidades da Universidad Miguel Hernández (Alacante) falou de “como construír relacións amorosas e libres de violencia nas redes sociais”. Sobre a prevalencia, implicacións e prevención do sexting entre adolescentes interveu Patricia Gómez, profesora axudante doutora da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, Jone Martínez Bacaicoa, profesora e investigadora da Universidad Autónoma de Madrid, falou de Entendendo a violencia sexual e de xénero en liña: características, alcance e factores relacionais. Xa pola tarde está previsto a realización dun obradoiro titulado Do sexting ao acoso e abuso sexual baseado nas imaxes entre adolescentes. Traballando dende a prevención co Programa ‘ni ♀N ni ♂FF’, a cargo da traballadora social Sabela Salgueiro.