Unhas 150 persoas participaron na xornada de iluminación smart de Ourense

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Onte celebrouse en Ourense, no Centro Marcos Valcárcel, unha xornada onde se falou, e moito, de novas tecnoloxías intelixentes ao servizo das cidades, da cidadanía e das administracións locais. Sobre todo poñendo o foco no seguinte: o que poden facer os recursos smart para que as cidades, as vilas e as aldeas gasten o menos posíbel en enerxía ao mesmo tempo que adquiren un servizo de calidade e respectuoso co medio ambiente. A xornada sobre iluminación saudábel 4.0 xuntou no devandito centro ourensán 150 participantes.
Nela participaron técnicos e representantes institucionais e académicos debaten sobre as últimas novidades no sector. Na inauguración fixo acto de presenza o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o director xeral de Enerxía da Xunta, Ángel Bernardo; e o presidente do Comité Español de Iluminación, Fernando Ibáñez.
O evento, organizado polo Comité Español de Iluminación (CEI) e co-organizado pola Deputación de Ourense e o Concello, tivo como obxectivo “abordar os novos retos da iluminación para a confluencia de eficiencia enerxética e tecnoloxía dixital con prestacións luminotecnias saudábeis”, así como “analizar as novas tecnoloxías e a súa revolución na iluminación exterior a través de controis intelixentes e plataformas smart”.
Asemade, a xornada prestou especial atención á revolución industrial da iluminación, pasando das luminarias tradicionais ás 4.0, “nas que preocupa a eficiencia enerxética e a saúde das persoas”, informouse.

PUBLICIDADE