Unhas xornadas no Campus de Ourense salientan o potencial educativo dos videoxogos
venres, 19 de xuño do 2026
A Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense foi o escenario elixido este xoves 18 de xuño para a celebración das Xornadas Educación e Videoxogos. A actividade estivo organizada polo profesor deste centro Millán Brea, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
No evento, aberto a quen quixese acudir, participaron diferentes profesionais vinculados dun xeito ou doutro a este sector e que reivindicaron o papel cultural e formativo destes produtos.
Maya Pixelskaya, podcaster e presentadora de TV e unha das primeiras mulleres que deron visibilidade en España aos videoxogos, foi a primeira en intervir “para contar un pouco como influíron na miña educación os videoxogos e para amosar como, quizais sen pretendelo, poden formarte como persoa, ao ir incorporando ensinanzas á túa vida polo interese que che xeran”. Pola súa experiencia no sector, destacou que “eu son moi defensora dos videoxogos e do seu papel na educación”, apuntando que “despois do cine, entre as artes máis destacadas creo que irían os videoxogos, xa que reúnen todas as artes (música, pintura, teatro...) neles tes absolutamente de todo”. Porén, afirmou, “como en calquera produto cultural hai cousas que teñen calidade e outras que non pero non por iso os videoxogos deben considerarse un elemento cultural peor”.
Outro dos grandes protagonistas da xornada foi Álex González, ourensán recoñecido por ter desenvolvido The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo comercializado creado por un autor galego. Del falou Lucas Costas, comisario do MUVI, o Museo do Videoxogo, o primeiro centro museístico de Galicia desta temática. Na súa intervención, ademais de presentar este museo e de falar de educación e videoxogos, puxo en valor The Wall, peza que, dixo, “é un xogo histórico”. Pero para falar deste primeiro videoxogo creado por un galego estivo o seu autor, Álex González. O ourensán lembrou o seu proceso de creación, explicando como este videoxogo “xurdiu de rebote, porque quería facer un programa para a xestión dunha empresa de construcións metálicas pero os que estaban na oficina parecíalles que era moi complicado isto dos ordenadores e querían seguir coas calculadoras. Entón quedei cunha máquina e non sabía que facer con ela e díxenme pois vou facer un videoxogo”. The Wall, explicou, céntrase “nun marciano que ten a nave avariada pero sabe que ten outra nave ao final do muro, de aí o nome The Wall, e ten que ir esquivando aos inimigos ata chegar a esta segunda nave, que está perfecta para poder volver ao seu planeta”.
A xornada tamén contou coa participación de Cristian González (Espartaco), cunha dilatada traxectoria no sector dos eSports, e Arantxa Fernández, doutora en Historia pola UVigo. Completou a programación a realización dun podcast en directo e un encontro de networking ao remate da xornada.
