Unreal Engine 5 sae oficialmente

martes, 5 de abril do 2022 Marcus Fernández

Epic Games realizou hoxe unha presentación sobre o Estado de Unreal para lanzar oficialmente o Unreal Engine 5, motor gráfico que xa puidemos ver en movemento nunha demo técnica baseada en The Matrix Awakens, grazas a que leva uns meses dispoñible en vista anticipada, confirmando que xa hai máis de 85 estudios de videoxogos traballando co novo motor, entre os que destacan The Coalition, CD Projekt Red, Crystal Dynamics entre moitos outros.
Unreal Engine 5 incorpora numerosas novidades para crear mundos en tempo real cun grande nivel de detalle, conta con novas ferramentas para construír personaxes e animacións, modernizou os fluxos de traballo e, en definitiva, facilitará a creación de boa parte dos xogos do futuro, entre os que atoparase un novo xogo da franquía de Tomb Raider, tal e como desvelaron dende Crystal Dynamics.
Dende Epic Games tamén destacaron que están a colaborar con CD Projekt Red no desenvolvemento de Unreal Engine 5, traballo que está a axudar na súa transición de motor gráfico, de xeito que a vindeira entrega de The Witcher funcionará co motor de Epic en vez de empregar o propio do estudio polaco.

Vídeo de presentación de Unreal Engine 5

PUBLICIDADE