Uns 200 expertos en patrimonio cultural danse cita este xoves en Santiago convocados por hispanianostra.org
mércores, 8 de novembro do 2023
Ao
redor de 200 especialistas en diversas disciplinas relacionadas co
patrimonio cultural de numerosos países vans dar cita desde este
xoves en Santiago de Compostela no Congreso
Internacional O patrimonio, unha responsabilidade compartida.
O simposio, que dará comezo ese día ás 9 da mañá no Paraninfo da
USC da Facultade de Xeografía e Historia, está organizado pola
asociación Hispania Nostra,
que, dende a súa páxina web, leva anos loitando poñendo o foco na
necesidade de coidar os importantes tesouros que herdamos de quen nos
precedeu, principalmente a través da sección Lista
vermella, dende onde se lanzan periodicamente alarmas sobre
os monumentos en perigo.
O
obxectivo do congreso é “promover a necesidade da participación
social na conservación do patrimonio cultural ao entender que este
constitúe unha inmensa riqueza que pertence ao conxunto da
sociedade”.
O
presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto á presidenta de
Hispania Nostra, Araceli Pereda, inaugurarán o congreso
internacional ás 9.30 horas do xoves.
No
simposio participarán especialistas europeos e americanos “que
analizarán, desde diversas experiencias, a importancia da toma de
conciencia da cidadanía, por ser a creadora e usuaria de todo o
patrimonio cultural e, ademais, porque dela emanan tanto as normas
protectoras como as institucións encargadas da súa aplicación e,
por conseguinte, é a principal e última responsable da súa
conservación”.
Europa
Nostra, a quen Hispania Nostra representa en España, conmemora este
ano 60 aniversario da súa constitución e, segundo avanza a
organización do evento, “queremos que o congreso contribúa á
celebración dun dos exemplos de supervivencia e boas prácticas na
cooperación público-privada en Europa”.
Entre
os relatores do congreso destacan Hermann Parzinger, presidente
executivo de Europa Nostra e gañador da Gran Cruz de Alfonso X O
Sabio; Araceli Pereda, presidenta de Hispania Nostra e Premio
Nacional de Restauración e Conservación de Bens Culturais (2020);
María Teresa Carballeira Rivera, catedrática de Dereito
Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela; Mechthild
Rössler, ex-directora do Centro Patrimonio Mundial da UNESCO
(Alemaña); Miguel Ángel Cortés Martín, ex-secretario de Estado de
Cultura, ou Darlene McCloud, vicepresidenta de WMF-World Monuments
Fund (EEUU).
Dentro
do programa do Congreso Internacional incluíronse visitas ao propio
Santiago de Compostela e a Touro.