Urban Solutions reúne centos de técnicos municipais interesados en coñecer os novos modelos de cidades intelixentes

mércores, 4 de outubro do 2023 S. P.

A segunda edición do Simposium Urban Solutions abriu as súas portas este mércores 4 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago. Na cita participarán (até este venres 6) máis de 400 persoas, entre elas, unha manchea de técnicos municipais interesados en coñecer os novos modelos de cidades intelixentes e ver como poden aplicar as novidades que se presentan no congreso. Así o explicou esta mañá Roberto Carlos González, director do Simposium Urban Solutions, durante o acto de inauguración do evento.
“Duplicamos as cifras con respecto á primeira edición tanto en público asistente como en empresas patrocinadoras e entidades colaboradoras ás que agradecemos a súa implicación neste Simposium, converténdoo nun evento de referencia sobre as cidades do futuro”, agradeceu Roberto Carlos González, quen insistiu en que “o obxectivo principal deste evento é crear un punto de encontro que faga converxer a empresas, profesionais e institucións de diversos sectores que están moi relacionados no deseño e planificación dunha urbe. Queremos achegar o coñecemento dos profesionais que se encargarán de definir e crear unha urbe eficiente, intelixente, conectada, accesible e innovadora para os cidadáns”.
A segunda edición de Urban Solutions está organizada pola Agrupación Industrial de Enerxías Renovábeis de Galicia (CLUERGAL). O seu presidente, José Ramón Franco, destacou “a importancia da transición enerxética nas cidades” e puxo en valor o papel de CLUERGAL como “organización de referencia no sector enerxético galego, cun carácter multisectorial e cunha importante capacidade para xerar riqueza no territorio neste proceso de transición enerxética que vivimos”.
Se a enerxía e a mobilidade protagonizaron as tres primeiras sesións do Simposium Urban Solutions, a cidade será a total protagonista das tres sesións do xoves: parques urbanos, infraestruturas e sustentabilidade. Así, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) presentará a súa unidade móbil para Urban Air Mobility, unha nova mobilidade baseada nun transporte intelixente con sistemas aéreos non tripulados. Isto, sinalan dende a organización, “abre a posibilidade a múltiples operacións nun futuro próximo relacionadas con vixilancia, seguridade ou emerxencias, transporte de órganos entre hospitais, a entrega de pequenas mercadorías ou mesmo o transporte de persoas con aerotaxis non tripulados, como os que xa vimos voar en Galicia (sen persoas dentro) o pasado ano”. Na zona expositiva de Urban Solutions contarase coa presenza da unidade móbil do ITG para o control de operacións ao longo de todo o xoves e, ás 19.00 horas, realizarase unha presentación aos asistentes do Simposium.
En canto aos relatorios, arrincarán ás 9.00 horas co apartado Parques urbanos. A sesión será moderada por Pedro Calaza, presidente da Asociación Española de Parques e Xardíns Públicos, quen ás 10.30 horas dirixirá a mesa de debate A paisaxe urbana como recurso de deseño das cidades. Durante esta sesión debaterase sobre a evolución e mantemento dos parques infantís e presentarase o mulch como unha superficie de absorción de impactos alternativo ao caucho actual. Ás 14.00 horas celebrarase a entrega dos II Premios Parques Urbanos.
Anteriormente, ás 12.00 horas, Carlos Lefler Gullón, xefe da área de Planificación e Programación da Xunta, moderará a sesión Cidades: infraestruturas. Nela expoñeranse como cumprir os obxectivos da Axenda 2030 a través dun eco deseño urbano, debaterase sobre o papel das infraestruturas no novo modelo de cidade e a problemática das verteduras industriais na rede de colectores urbanos.
Finalmente, de 16.30 a 19.00 horas desenvolverase a sesión Cidades. Sustentabilidade, como unha mesa de debate moderada por Ana Botas, xerente de Viratec; e coa participación de Óscar Rodríguez Gutiérrez, conselleiro delegado de Espina.

PUBLICIDADE