Urco Editora pon o libro Sleepy Hollow en descarga libre

mércores, 30 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Urco, a editorial galega especializada en xéneros até o de agora pouco cubertos en Galiza (fantasía, terror, ciencia ficción) vén de cumprir co anunciado o día da súa presentación oficial en Compostela: a posta a disposición dos internautas de libros en aberto e liberados, coma versións editoriais de software libre. A primeira achega neste senso é Sleepy Hollow e outros relatos, de Washington Irving, un volume mítico para os seareiros do terror e que inclúe, entre cousas, o conto do malvado xinete sen cabeza no que está baseado o filme de Tim Burton do mesmo nome.
O libro, que xa está pendurado no blog de Urco, habilitarase en breve na sección de descargas da web oficial do selo.
Segundo informa Urco, o volume vai en formato de texto plano e incorpora os cinco relatos da edición impresa máis a introdución. Amais, inclúe a imaxe da cuberta. No que atinxe á licenza, dicir que é a mesma cá da edición impresa: Creative Commons by-sa-nc. A idea de Urco e ir incluíndo a curto e medio prazo máis libros coa mesma feitura. Asemade, tamén anuncia a posta en marcha dunha sección específica de descargas na súa páxina web.

PUBLICIDADE