Ustream permitirá compartir en Facebook vídeo en directo captado co iPhone

venres, 17 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A plataforma de retransmisión de vídeo en directo a través da Internet Ustream está a preparar unha nova aplicación móbil chamada Broadcast for Friends que xa está en fase de probas, e que permite que os usuarios dun iPhone poidan realizar emisións de vídeo en vivo a través de Facebook, permitindo que os nosos amigos poidan ver as imaxes en movemento captadas directamente pola cámara do móbil ou aplicándolle algún dos 10 filtros cinematográficos que inclúe a aplicación (que engaden efectos que poden dotar ao vídeo de aparencia de filme de cine negro, de novela gráfica ou mesmo de imaxes dun Mars Rover).
As retransmisións realizadas a través de Broadcast for Friends permitirán definir a súa privacidade para que estean dispoñibles para calquera usuario de Facebook, para só os nosos amigos ou incluso só para nós.
Unha das grandes vantaxes desta ferramenta é que as retransmisións en directo quedarán gardadas na Biografía de Facebook, para que os nosos amigos poidan velas en diferido (o que tamén pode facerse dende a propia aplicación móbil).

As retransmisións dende o móbil poderán verse directamente en Facebook


Presentación en vídeo de Broadcast for Friends

PUBLICIDADE