UxíaNet 2016 converterá Ribeira nun foro de coñecemento informático avanzado

martes, 4 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

A sétima edición do encontro de Ribeira para seareiras/os da informática, UxíaNet, xa ten datas de seu. Será entre os días 13 e 16 deste mes de outubro, unha vez máis na Casa da Xuventude local. A nova edición do encontro incluirá como de costume obradoiros, charlas, certames e concursos do máis variado pero co nexo común de celebrar todas estas actividades as moitas facetas comunicativas e creativas das novas tecnoloxías da información. O prazo de inscrición abriuse este sábado.
As persoas interesadas en participar na festa poden achegar os seus datos a través dun formulario aberto na páxina web do encontro, uxianet.eu. Segundo sinala a organización do certame (a asociación local Birus), en caso de querermos participar, cómpre non adiar o proceso de inscrición. De feito, este luns xa se fixo saber que estaban a piques de esgotarse as prazas.
Como dixemos, a party acollerá charlas e obradoiros. Tocaranse temas novos e innovadores, como por exemplo os recursos máis axeitados para converternos en programadores avanzados ou como crear aplicacións móbiles e computadores. Tamén haberá charlas sobre as diferentes linguaxes de programación, a seguridade na Rede, o hardware libre ou as vantaxes do traballo en rede en materia de desenvolvemento.
O encontro, a un nivel técnico, disporá de varios servidores de rede que farán posíbel que a conexión sexa cen por cen estábel e “cun ping mínimo”, sinalan os organizadores. Ademais, a rede interna achegará 1.000 Mbps. “Durante máis de sesenta horas”, explican, “disporemos dun acceso a Internet con moito máis ancho de banda do habitual, totalmente balanceado mediante servidores locais adicados”.

PUBLICIDADE