VAIO presenta un novo smartphone con Android para o mercado nipón

mércores, 22 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Pese a que Sony conseguiu no seu día que os seus ordenadores portátiles fosen todo un referente a nivel de calidade e deseño, a división non foi capaz de manterse en números negros, polo que hai algo máis de tres anos segregou a súa marca VAIO, pasando a mans doutra compañía na liña do que tamén fixeron compañías como IBM (que deixou a fabricación de PC a Lenovo).
Aínda que a nova VAIO é unha compañía meramente nipoa, que non vende os seus equipos internacionalmente, atreveuse a ampliar o seu abano de produtos, chamando poderosamente a atención o seu smartphone con Windows 10, e agora volven á carga co VAIO Phone A, que vén a ser unha versión do anterior, pero baseado en Android e con dobre SIM, de xeito que prodúcese a curiosa situación de que no mercado xaponés poderemos ver móbiles VAIO competindo contra terminais Sony Xperia.
O VAIA Phone A é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 617, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB), pantalla Full HD de 5,5 polgadas, 4G, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, micro USB 2.0, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, batería de 2.800 mAh, sistema operativo Android 6.0.1, un grosor de 8,3 milímetros e un peso de 167 gramos. Poderá encargarse a partires do vindeiro día 30 e VAIO confía en comezar a atender os pedidos a partires do 7 de abril a un prezo sen impostos de 24.800 iens (206 euros).

PUBLICIDADE