VESA aproba unha norma para o HDR en monitores de ordenador

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que é frecuente que a porta de entrada de moitas innovacións tecnolóxicas no fogar sexa a informática, hai tecnoloxías que tardan en chegar, e nun momento no que os televisores 4K con HDR son a norma no mercado de consumo, vemos como nos ordenadores persoais nin sequera tiñamos normas para conducir estas interesantes melloras visuais, para o que a Video Electronics Stardards Association (VESA) anuncia a primeira especificación estándar aberta para o HDR.
As novas especificacións para monitores informáticos chámase DisplayHDR e diríxese inicialmente a pantallas LCD para portátiles e ordenadores de sobremesa (a tecnoloxía OLED estará soportada por futuras versións do estándar). O DisplayHDR v1.0 establece 3 niveis distintos de HDR para facilitar a adopción desta tecnoloxía en función da gama dos distintos equipos (indo dende equipos de entrada até monitores profesionais).
Este estándar busca principalmente evitar a confusión entre os distintos tipos de HDR, de xeito que en equipos informáticos haxa unhas especificacións claras para os fabricantes de hardware, que agora poderán lucir o logotipo de DisplayHDR 400 nos seus monitores básicos con HDR, DisplayHDR 600 nos de gama media e DisplayHDR 1000 nos de alta gama (o número que acompaña a cada norma e a luminancia máxima dos paneis medida en candeas por metro cadrado).
Para facernos unha idea da luminosidade dos monitores con certificación VESA para o HDR podemos comentar que as pantallas con DisplayHDR 400 teñen unha luminosidade un 50% maior que a meirande parte das pantallas de portátil, á vez que tamén soportarán imaxes de 8 bits (normalmente os portátiles procesan só 6 bits emulando os 8), polo que estas novas especificacións poden ser un impulso para a mellora da calidade das pantallas dos nosos equipos informáticos.

PUBLICIDADE