VIKO lanza unha aplicación especializada en comercio electrónico e mercadotecnia

mércores, 9 de setembro do 2015 Redacción

O grupo VIKO, co galego Rubén Ferreiro á fronte, vén de lanzar o que cualifica da primeira aplicación especializada especificamente en comercio electrónico e mercadotecnia dixital. A ferramenta, achegada a través do proxecto editorial Marketing4eCommerce, inserido en VIKO, foi desenvolvida pola axencia mCommerce Moddity e salienta por achegar cronoloxicamente todas as novidades publicadas no devandito proxecto sobre a actualidade da actividade comercial 2.0. Amais de fornecer información, permítenos navegar polas seccións do proxecto editorial, contactar coa redacción da revista e compartir cada contido nas redes sociais, no WhatsApp ou a través de email.
Segundo explica o galego Rubén Bastón, director de Marketing4eCommerce (que é o nome, tamén, da aplicación lanzada estes días), con esta ferramenta móbil búscase cubrir un baleiro detectado no mercado e que é o de poder acceder de maneira directa, a través do noso dispositivo, ás últimas novidades do sector do comercio electrónico e a mercadotecnia en liña.
Bastón engade que a app que se fornece agora carrexa integrada outra ferramenta complementaria de gran interese para os profesionais do sector e para as empresas, que é a ferramenta eMMa para o mantemento de clientes no tempo (fidelización), “que permitirá facer avisos puntuais aos usuarios que a descargaron para alertalos das novas que consideremos de abondo relevantes”.
Sobre as razóns complementarias que motivaron ao desenvolvemento de Marketing4eCommerce, Rafael Sotelo, coordinador de redacción do proxecto editorial, explica que a orixe da app estivo tamén nas necesidades da iniciativa de dar resposta cumprida ao medre continuo de tráfico de datos que se recibía vía móbil. Arestora, di, “máis do 40% do tráfico chega xa a través de móbil e, en menor medida, vía tableta”. Acerca de ter apostado por App Store, Sotelo conta que malia haber moitos máis dispositivos Android na rúa, a porcentaxe de tráfico entre Android e iOS está á par, o que nos fixo pensar que o interese relativo era maior en iOS, por iso empezamos coa App Store”. De feito, a aplicación xa está dispoñíbel para descarga na tenda en liña de Apple.
Respecto do proxecto editorial Marketing4eCommerce, lembrar que é unha publicación dixital especializada en comercio electrónico e mercadotecnia en cuxas seccións recóllense novas de actualidade, estudos e análises sobre as ditas temáticas. Por elas pasan cada mes, aproximadamente, arredor de 20.000 usuarios. Dispón de versión específica para o mercado mexicano.

PUBLICIDADE