Valentín García acompaña á cativada de Chantada na primeira doazón de voz infantil do Proxecto Nós
martes, 22 de outubro do 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, achegouse esta mañá á vila de Chantada para acompañar á veciñanza na xornada de captación de voces galegas no marco do Proxecto Nós impulsado pola Secretaría e a USC (co obxectivo de afianzar o galego nos máis avanzados servizos da Intelixencia Artificial) e que neste caso contou coa colaboración do concello lucense.
García, que foi recibido polo alcalde do municipio, Manuel Lorenzo, mostrouse moi satisfeito coa gran participación nesta iniciativa que supuxo ademais “a primeira experiencia piloto na doazón da cativada, un recurso que enriquece en boa maneira o noso banco de voces, no que buscamos variedade”. Así, agradeceu a colaboración do alumnado do CEIP Plurilingüe Xoán Requeixo, do seu profesorado e das persoas adultas que deron o seu consentimento para a actividade.
Valentín García lembrou que o Proxecto Nós e a recollida de voces (dirixida a permitir que os grandes asistentes virtuais avanzados como Siri ou Alexa poidan falar e entender o galego) trata dunha das propostas “máis ambiciosas” do Goberno galego dentro do conxunto de medidas que se veñen desenvolvendo “para que a nosa lingua teña presenza en todos eidos, neste caso nun tan importante como é o dixital, un dos ámbitos nos que facemos fincapé para afianzar o uso do galego sobre todo entre os máis novos”.
O secretario xeral tamén salientou a “a importancia da colaboración da poboación para seguir avanzando na xeración de recursos, co obxectivo de poder interactuar na nosa lingua nas plataformas tecnolóxicas”. Para iso, incidiu, “son esenciais campañas como esta, coa que pretendemos recoller a maior cantidade de horas gravadas en galego, recompilando a fala de distintos lugares e de persoas de diferentes idades, garantindo así que as ferramentas do proxecto funcionen ben”.
Campaña de recollida de voz
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a desenvolver a segunda fase da campaña de recollida de voz cun calendario que chegará ata 16 concellos de diferentes comarcas de Galicia, de maneira que as persoas que o desexen poidan acudir ás aulas CEMIT (habilitadas pola Xunta con ordenadores e internet para uso da cidadanía) de xeito presencial para facilitar a súa mostra vocal. Ademais, calquera persoa pode facelo telematicamente a través do portal Doa a túa voz.
Ferramentas desenvolvidas
A Secretaría Xeral informa que na web do Proxecto Nós xa se pode experimentar de maneira libre con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia e un sistema de recoñecemento da fala. É para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, polo que se pon en marcha esta campaña presentada en Chantada este martes 22. Deste xeito, a plataforma Common Voice, a través da que se desenvolve a iniciativa da recollida de voces, conta con 700.000 frases en galego (agárdase que se supere o millón nos vindeiros meses) que precisan ser lidas, co obxectivo de acadar as 1.000 horas de gravación.
Valentín García explicou que os devanditos son “algúns dos últimos avances do proxecto que no pasado mes de xuño presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de Intelixencia Artificial para o galego, un paso histórico que permitirá o desenvolvemento de sistemas intelixentes creados especificamente nesta lingua”. Coñécese como modelo fundacional, por ser a peza básica para construír tradutores, correctores ou chatbots, entre outras ferramentas, engadiu.