Valentín García confía no potencial das tecnoloxías para achegar o galego á mocidade

martes, 15 de outubro do 2024 S. P.

Este martes 15 de outubro celebrouse en Santiago (Pazo de Raxoi) a edición XXVI dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Baixo o lema Vivir e perdurar na nosa lingua, púxose o foco na importancia do idioma escollido para os ritos funerarios de distintas confesións relixiosas, a súa pegada cultural e antropolóxica e a nosa relación con ese momento a través da nosa lingua.
No transcurso da inauguración dos encontros, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu en que “estamos nunha sociedade en constante cambio, o que leva consigo tamén mudanzas sociais que involucran o galego, presente en todos os ámbitos da vida, como no que ten que ver coas crenzas ou as tradicións”. Puntualizou tamén que o obxectivo da Xunta é o de continuar fomentando o uso do galego desde moi diversas perspectivas “desde o eido dixital, as familias ou as persoas chegadas de fóra, ata espazos e contextos sociais que quizais estean menos presentes no pensamento común, como son os ritos fúnebres”.
García lembrou que desde hai anos o seu departamento colabora coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia na campaña En galego, agora e sempre que promove o uso do galego neste tipo de actos.
Ademais, Valentín García subliñou que, unha vez coñecidos os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, as políticas lingüísticas do Goberno autonómico “deben continuar poñendo o foco na utilización da lingua, porque queda constatado de novo que temos un elevado coñecemento do galego, cos maiores niveis de competencias lectoescritoras de todas os idiomas cooficiais de España”. Así, resaltou que “case o 100% das persoas consultadas afirmou entendelo, saber falalo, lelo e escribilo”.
Partindo destas estatísticas, indicou o secretario xeral, “e tendo en conta que só o 29,20% da poboación fala sempre castelán, trátase de prestixiar, estimular e potenciar o uso do galego no ámbito familiar e entre o alto índice de poboación chegada de fóra de Galicia nos últimos 5 anos”. Isto, aclarou, “pasa porque en calquera cuestión cotiá ou extraordinaria, consideremos o noso idioma unha boa opción, sen imposicións”.
Recordou tamén que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude activou un plan de 50 medidas, moitas delas tecnolóxicas, co obxecto de impulsar o emprego do galego en todos os contextos da sociedade e que comezou coa campaña Saca a lingua que levas dentro, que procura poñer en valor o feito de contar cun idioma propio. Ademais, ofertaranse máis dun cento de cursos online e presenciais de lingua e cultura galegas para persoas procedentes do exterior, darase continuidade a proxectos no eido dixital, aos que se lle sumarán novas propostas, e “será precisamente coas tecnoloxías coas que se achegará o uso do galego á mocidade”, comentou.
O galego é minoritario nas exequias
Un exemplar do Cancionerio de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o uso minoritario do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que “o galego esmorece nas exequias”, aínda que ven na lingua “un fío de unión e de concordia”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días presentarase un documento coas conclusións.
Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica fundouse na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán”. Con todo, describiu últimas iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.
Rubén Aranburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Marín, explicou que tiña unha lápida en galego do século XIV. O clero novo, os máis mozos, son do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan de Venezuela, Colombia, África, que non entenden o tema da lingua. “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aranburu.
Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí. Con todo, a lingua galega non está presente. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".
A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.
O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo, só o 5% do servizos que prestan. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fabeiro, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais que lle encargan están en galego. Ademais, a responsábel de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias pero por inercia e falta de costume”.
Pechou a xornada unha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira; Manuel Campos Sanmartín falou do Día da Restauración da Memoria Lingüística, e pechou Marta Besada coa súa presentación Galeg@ para sempre. A xornada pechou coa ruta guiada As mil caras da morte compostelá, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.