Valentín García pon en valor as achegas lingüísticas de Galicia ao proxecto Atlas Linguistique Roman

xoves, 19 de xuño do 2025 Redacción

O secretario xeral da lingua, Valentín García, inaugurou hoxe o XXV Simposio Internacional do Atlas Linguistique Roman, que se celebra por cuarta vez en Santiago de Compostela. O encontro desenvólvese nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro e da Facultade de Filoloxía, e reúne especialistas de diversos territorios románicos implicados na elaboración dun atlas que recolle a diversidade lingüística a través de mapas e estudos interpretativos.
Esta edición está organizada polo Centro Ramón Piñeiro, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o comité de dirección do proxecto. O obxectivo principal é presentar as propostas dos redactores territoriais para seren avaliadas polos comités nacionais, entre os que se atopa o galego. Ao mesmo tempo, o simposio permite resolver cuestións técnicas que xorden durante a elaboración e revisar a metodoloxía empregada para garantir un modelo de traballo coherente, actualizado e comparable. Tamén serve para dar a coñecer os proxectos máis destacados do territorio anfitrión.
Durante a apertura, Valentín García destacou o Atlas Lingüístico Galego en Liña, un proxecto que se presentará no marco do simposio e que estará proximamente dispoñible para consulta tanto da comunidade investigadora como do público interesado.
A primeira intervención correrá a cargo de Xulio Sousa, quen introducirá esta ferramenta. A seguir, trataranse outras cuestións vinculadas coa representación cartográfica, a actualización da toponimia e a análise das motivacións lingüísticas.
O simposio concluirá mañá cunha sesión interna destinada ao equipo investigador do atlas e cunha visita ao Museo do Pobo Galego, como achega ao patrimonio cultural da cidade e da comunidade dentro do espazo románico.