Valentín García pon en valor no Día das Linguas os recursos TIC autonómicos para promover o galego

venres, 26 de setembro do 2025 S. P.

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou este venres 26 de setembro nas celebracións en Santiago do Día Europeo das Linguas, onde puxo en valor “o papel da lingua como ponte entre culturas e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa”. O acto incluíu un recitado multilingüe de poemas a cargo de alumnado de Secundaria e de Bacharelato.
García remarcou a importancia de celebrar “citas que nos recorden a importancia da aprendizaxe das linguas co obxectivo de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural”. Neste senso, destacou as medidas que a Xunta ten en marcha para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. En concreto, fixo especial fincapé naquelas que van procurar tirar o máximo proveito do fenómeno do neofalantismo.
Valentín García salientou “a creación e mantemento de espazos de lecer que funcionen como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego” ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha coa Universidade de Santiago de Compostela.
Amais, coa finalidade de que o galego estea presente entre as tecnoloxías e espazos dixitais nos que se move a mocidade, anunciou que se dará continuidade ao Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, e tamén crearanse novos produtos tecnolóxicos pensados para o público infantil e xuvenil.
Lembrou tamén que está en marcha a campaña Saca a lingua que levas dentro, con difusión a través de diversos medios e en distintos ámbitos, “que marcou o comezo dunha serie de accións que se están a desenvolver desde finais do ano pasado, como son distintos cursos de galego para sectores concretos, contidos en plataformas dixitais ou actividades de lecer nos centros escolares”, sinalou.