Valentín García presenta en Donostia os logros do Proxecto Nós para integrar o galego na IA
martes, 4 de novembro do 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou este martes 4 de novembro en Donostia (Euskadi) nunha xornada dedicada ao impulso das linguas oficiais do Estado na Intelixencia Artificial, tras formar parte este luns 3, xunto cos seus homólogos do País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares na constitución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística.
García foi un dos relatores dunha mesa redonda que versou sobre o proxecto Impulso de las lenguas en Inteligencia Artificial enmarcado no PERTE de Nova Economía da Lingua para fomentar o uso dos idiomas no eido dixital. Neste senso, incidiu en que se trata “dun programa esencial para desenvolver algunhas das iniciativas máis ambiciosas da Administración galega para intensificar a presenza da lingua en distintos espazos, especialmente a través das plataformas tecnolóxicas”.
O secretario xeral puxo o foco no Proxecto Nós, que están a desenvolver o seu departamento e máis a Universidade de Santiago, “un proxecto de grande importancia para asegurar que o galego sexa tamén unha lingua habitual no eido dixital, e que depende, en boa maneira destas axudas para que se siga a desenvolver da maneira axeitada”, puntualizou.
O Proxecto Nós, engadiu, naceu en 2020 co obxectivo de “garantir a presenza da lingua no entorno dixital do século XXI sendo clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: desde corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz”.
Lembrou que en 2023, o equipo de Nós presentou Carballo (op rimeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego) e que os recursos desenvolvidos ao abeiro do proxecto “son de libre acceso por terceiros, o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen”.
Tal e como indicou Valentín García, actualmente a Xunta está pechando un novo convenio co obxectivo de consolidar e ampliar as principais liñas de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala.
Dixo tamén que “este traballo a prol do galego no mundo dixital encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro do Pacto pola Lingua e co obxectivo de impulsar o seu uso, incentivar a súa presenza en todos os sectores da sociedade e prestixialo como idioma nos diferentes espazos de convivencia”.
