Valentín García salienta o potencial dos neofalantes e das TIC para o impulso do galego
xoves, 10 de outubro do 2024
A Xunta de Galicia centrará nos neofalantes e nas persoas non nadas en Galicia as súas políticas lingüísticas para, en palabras do secretario xeral de Lingua, Valentín García, “incrementar o prestixio e o uso do galego”. O Goberno galego tamén porá o foco no potencial das novas tecnoloxías en materia de galeguización: por exemplo a través de Neofalantes.gal ou do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial. Estes obxectivos materializaranse en boa medida a través do plan de dinamización do galego de cara a 2025 e da campaña Saca a lingua que levas dentro. Así o deu a coñecer este 10 de outubro o secretario xeral en resposta a unha pregunta en materia de lingua na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia.
“Os cambios sociais que está a vivir Galicia supoñen todo un desafío para o futuro da nosa lingua, pero tamén unha valiosa oportunidade”, argumentou García, en referencia “ao importante incremento” do número de persoas provenientes doutros países, “que elixen libremente ser galegos de pleno dereito e tamén queremos que elixan libremente falar o noso idioma”, defendeu.
O secretario xeral explicou que a campaña de dinamización do uso do galego Saca a lingua que levas dentro, presentada este mesma semana terá entre os seus obxectivos “atraer ao noso idioma a estes novos galegos e galegas”. Ademais, tamén os erixiu como un dos colectivos aos que van dirixidos algunhas das iniciativas máis importantes do novo plan autonómico para potenciar o emprego do galego en todos os eidos, entre todas as xeracións e en todos os grupos de poboación de cara a 2025.
100 cursos de lingua e cultura galegas en 2025
Precisamente, entre esas 50 medidas do Plan destacou os máis de cen cursos, presenciais e en liña, que se ofertarán o vindeiro ano en lingua e cultura galegas para as persoas provenientes doutro países. Segundo avanzou, para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porase en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para “artellar unha formación á medida das súas singularidades”.
En canto aos cursos, adiantou que se executarán en dúas modalidades: en liña e presenciais. En ambos dous casos habilitarase un sistema de matriculación previa. Ao respecto, apuntou que esta iniciativa suporá a posta en marcha dun programa con medidas que incluirán a creación de materiais didácticos, cursos formativos e a colaboración con diferentes organismos ou outros departamentos do Goberno galego, como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Política Social ou a de Emprego, Comercio e Emigración para o contacto cos colectivos de diferentes países que están a vivir en Galicia.
Aproveitar o “gran tirón e auxe” do neofalantismo
Ademais de intentar incorporar ao noso idioma ás persoas chegadas doutros países, o secretario xeral da Lingua salientou que outro dos “puntos fortes”, tanto do plan de dinamización do emprego do galego como na campaña Saca a lingua que levas dentro, situarase en aproveitar “o gran tirón e auxe” no emprego do galego co fenómeno do neofalantismo. Para este pulo, anunciou a creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego.
Nesta mesma liña, destacou que se está a dar continuidade ao proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Finalmente, Valentín García indicou que o novo plan centrarase tamén no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Consecuentemente, aclarou que ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, avanzarase na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, “así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas”, concluíu.