Valorant chega a consolas

venres, 2 de agosto do 2024 Marcus Fernández

En 2020 Riot Games arrasou con seu hero shooter táctil en primeira persoa Valorant, e tras uns meses en probas, por fin levan o xogo a Xbox Series X|S e PlayStation 5, de xeito que xa podemos xogar de balde en consola (sen precisar de PlayStation Plus nin Xbox Game Pass) a este intenso xogo de enfrontamentos de 5 contra 5, aínda que cómpre salientar o feito de que os subscritores de Xbox Game Pass Ultimate teñen xa acceso inmediato a todos os axentes actuais, así como tamén recibirán o mesmo día do seu lanzamento os axentes futuros.
Cómpre salientar que Valorant terá xogo cruzado entre usuarios de consola, pero non con usuarios de PC, principalmente para manter a integridade da competición, xa que a versión de consola só permite o control mediante mando, mentres que no ordenador é posible xogar con teclado e rato, o que supón unha vantaxe competitiva significativa. O que si se manterán entre plataformas son os progresos que se vaian realizando.
Lembremos que Valorant é un xogo free-to-play, ou sexa, que pode descargarse de balde, pero conta cunha moeda virtual (que hai que adquirir con cartos reais) para o desbloqueo dentro do xogo de axentes e elementos cosméticos.

Vídeo promocional do lanzamento da versión para consolas de Valorant