Vampire: The Masquerade - Bloodline preparar a súa secuela

venres, 22 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A serie de xogos de rol de World of Darkness (Mundo de Tinieblas en España) é todo un referente dende os anos 90, o que levou a que en 2004 puidésemos gozar dun videoxogos baseado nunha das súas entregas, Vampire: The Masquerade - Bloodlines, que agora sorpréndenos co anuncio da súa secuela, que desta volta non chegará só a PC, xa que Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2 tamén terá versións para Xbox One e PlayStation 4, estando previsto o seu lanzamento para primeiros de 2020.
Este xogo está a ser desenvolvido por Hardsuit Labs, estudio xurdido de Paradox Interactive, e conta con Brian Mitsoda (un dos deseñadores da primeira entrega) para escribir a historia que en todo momento procurará ser fiel ao xogo orixinal.
Bloodline 2 introducirá ao xogador na pel dunha criatura nacida dun acto de insurrección vampírica, provocando unha guerra entre as faccións de vampiros que dominan Seattle, polo que para sobrevivir haberá que elixir clan e realizar alianzas con faccións nun mundo no que as eleccións terán consecuencias. Tamén teremos que controlar os poderes sobrenaturais de vampiro durante as nosas cacerías, procurando sempre manter a existencia dos vampiros agochada da humanidade para non rachar a Mascarada.
O xogo chegará cun número de clans entre os que poder elixir, pero incorporará máis clans de balde despois do seu lanzamento. Nos vindeiros meses iremos coñecendo máis detalles sobre as mecánicas de xogo e esta nova proposta que ten o reto de ter que captar a atención do público máis de 15 anos despois da súa anterior entrega.

Tráiler de presentación de Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2

PUBLICIDADE